Presentación da XV Festa da Xuventude e de Santo Tomé | © Concello de Sanxenxo

A XV Festa da Xuventude e de Santo Tomé encherán Gondar de música e actividade

22 Abril 2024

A comisión aposta este ano por un vaso conmemorativo e reutilizable que se venderá a 1 euro para reducir os residuos da cita


A parroquia de Gondar, no municipo de Sanxenxo, volverá tinguirse de festa e actividade con motivo da celebración da Festa da Xuventude e de Santo Tomé que terán lugar os días 26 e 30 de abril e 1 de maio. A comisión de festas xa ten pechada unha ampla programación na que non faltará a música as celebracións litúrxicas, os sorteos e o tradicional partido de solteiros e solteiras contra casados e casadas. Tamén haberá inchables e pintacaras.

A Festa da Xuventude chega ao seu décimo quinta edición completamente consolidada no calendario de citas importantes no municipio. Será o 26 de abril, na contorna da capela de Gondar e baixo unha carpa, cando a partir das 22:30 horas comece unha gran festa coas actuacións de Fiako Fabbio, Groove Amigos, Dumore, Paco Vulkano, Dani Kölmel e Xacobo Mínimo. A comisión de festas realiza este ano unha proposta para reducir os residuos na festa coa venda dun vaso conmemorativo reutilizable. Haberá ata 4.000 unidades á venda que os asistentes poderán adquirir por 1 euro.



O patrón de Gondar, Santo Tomé, terá dous días de festa. Na véspera, o 30 de abril, a partir das 22:30 horas, subiranse ao escenario as orquestras Marbella e Unión y Fuerza e haberá sesión disco con JJ Compota.

Servirá como previa ao día 1 cando a actividade dará comezo pola mañá cunha tirada de bombas. A continuación, o grupo de gaitas Os Cruceiros de Vilalonga e a formación Fanfarria Furruxa animarán o pasacalles.

Ás 12.30 horas oficiarase a misa solemne cantada polo coro parroquial en honra ao Santo, que precederá á tradicional procesión acompañada polo grupo de gaitas. Finalizados os actos litúrxicos, dará comezo a sesión vermú co dúo Punto Zero e servizo de pulpeiro. Pola tarde, ás 18 horas, disputarase o XIII Trofeo Santo Tome de Gondar cun partido entre solteiros contra casados. Tamén haberá pintacaras e inchables no recinto da festa.


Está pasando!