O alcalde Manuel Campos e a artista Sou Too presentan o cartel da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis | © Concello de Cuntis

A XXIV Festa do Lacón con Grelos celebrarase o domingo 26 de febreiro e contará coa actuación de Los Secretos

30 Xaneiro 2023

A XXIV edición da Festa do Lacón con Grelos, organizada polo Concello de Cuntis, celebrarase o domingo 26 de febreiro.

A artista natural de Arcos de Furco, Soledad Souto, coñecida profesionalmente como Sou Too, é a autora do cartel promocional desta festa gastronómica. Sou Too realizará no mes de marzo unha mostra individual na Casa de Cultura Roberto Blanco Torres.

Dentro da programación da Festa do Lacón con Grelos, Los Secretos, a banda liderada por Álvaro Urquijo actuará o sábado 25 de febreiro na rúa Pedro Campos, xunto ao pavillón municipal.

As entradas teñen un prezo de 10 euros á venda na plataforma woutick.es

As entidades beneficiadas deste concerto serán a Asociación española contra o Cancro (AECC); Agadea, asociación que traballa con persoas con alzheimer; e Anedia, colectivo relacionado con pacientes con diabetes.

+info en www.concellodecuntis.org, no Departamento de Cultura e Xuventude, no teléfono 986 533 600 e en omix@concellodecuntis.es



O lacón con grelos é un prato típico da cociña tradicional galega que acostuma prepararse na época de Carnaval cando o grelo está no seu mellor momento e o frío do inverno convídanos a gozar da contundencia das carnes de porco curadas. En Cuntis levan máis de dúas décadas convertendo esta combinación gastronómica en protagonista dunha das súas festas máis importantes, declarada de Interese Turístico de Galicia.

A Festa do Lacón con Grelos celébrase cada ano o domingo seguinte ao domingo de Entroido e marca a despedida desta celebración, cos seus rituais e as súas tradicións. O protagonismo da xornada lévao a propia degustación gastronómica, cuxo prato básico é o cocido de lacón con grelos, acompañado de patacas, e de sobremesa unhas filloas. O concello instala na praza da Constitución unha gran carpa, pero tamén se pode gozar da mesma receita nos restaurantes e nas casas de comidas da localidade.

A programación festiva inclúe actuacións musicais, así como outros actos que xa se converteron en habituais na celebración, como é o caso da exposición de bonsais de camelia, a mostra de palilleiras e a ruta de motos clásicas. Para as e os participantes da concentración de motos organízase, na véspera da exaltación gastronómica, un “vespaguateque” inspirado nos anos 60.

Á tardiña, tras despachar máis de 2.500 racións de lacón con grelos e filloas, entra en acción a figura do Chapante, cuxo nome remite á denominación popular que reciben as e os habitantes de Cuntis, debido ao seu gusto polo bo comer.

Do mesmo xeito que noutras localidades das Rías Baixas existen personaxes coma a sardiña, o Ravachol, o Momo ou o Meco, en Cuntis despiden o Carnaval enviando á fogueira ao Chapante, figura que, neste caso, representa unha crítica mordaz ás xentes larpeiras e folgazanas. Viúvas, choradeiras, sancristáns, amigas e amigos acompañan o Chapante no seu último percorrido polo centro urbano, ao son de responsos e pregarias. Finalmente, o gran comellón é incinerado como colofón á degustación gastronómica e ao Entroido.


los secretos

Está pasando!