A XXXI Festa Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces celebrarase os días 24 e 25 de maio

25 Marzo 2025

A XXXI edición da Festa Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar os días 24 e 25 de maio de 2025.

Con Carlos Blanco como pregoeiro, un ano máis os asistentes poderán gozar da tradicional degustación do Galo de Curral, do Festival de Bandas de Música de Galicia, que reúne en Vila de Cruces algunhas das agrupacións máis prestixiosas de Galicia e dunha gran variedade de actuacións musicais.

Para saber máis, permanecede atentos ás redes sociais do Concello de Vila de Cruces. Irase actualizando toda a información.



Hai unhas décadas no rural galego os galos crecían en liberdade, polo que a súa carne era dun sabor único. Aínda que esta cría tradicional se foi perdendo co tempo, nalgunhas zonas logrou recuperarse e manterse. É o caso de Vila de Cruces, municipio pontevedrés no que o galo de curral é o protagonista da festa gastronómica declarada de interese turístico de Galicia, que alcanza a súa trixésimo primeira edición en 2025.

Quen cría o galo de curral de Vila de Cruces esforzouse para que este manxar, propicio para multitude de elaboracións, estea presente nalgúns dos máis reputados restaurantes españois e mesmo chegue a numerosas cidades fóra das nosas fronteiras.

Esta vianda adoita incluírse nas cartas dos establecementos locais durante todo o ano. Pero é ao chegar a primavera cando Vila de Cruces fixa o Día Grande do Galo de Curral, que, nesta ocasión, terá lugar o domingo 25 de maio. Durante todo o día sucédense actividades entre as que destacan a exposición e exaltación dos pratos elaborados con esta ave de carne magra de cor intensa e sabor inigualable.

Está pasando!