Presentacion da Festa do Choco 2025 | Concello de Redondela

A XXXVIII Festa do Choco trae a mellor gastronomía e música a Redondela

5 Maio 2025

  • Do 9 ao 11 de maio os asistentes poderán degustar pratos tradicionais como os chocos na súa tinta ou con arroz, á prancha ou choco en empanada de trigo e millo. Outras propostas son o choco á feira, o choco con salpicón de marisco ou con garavanzos
  • A Orquestra Mondragón, Sonoro Maxín e Combo Dominicano poñen música á Festa do Choco. No campo da feira tamén actuarán agrupacións locais como a Orquestra de Saxos, Airiños de San Simón, Rondalla de Redondela, Banda de Música de Chapela e O Carballo das Cen Pólas

A XXXVIII Festa do Choco celebrarase en Redondela do 9 ao 11 de maio. Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, así como unha representación dos hostaleiros e hostaleiras que ofrecerán durante estas xornadas este exquisito cefalópodo elaborado en variadas preparacións. Na presentación participaron tamén algúns dos hostaleiros que fundaron esta festa, como Manolo Conde e José Manuel Durán.

Esta edición conta cunha ampla e variada programación cultural, na que o público poderá desfrutar de actuacións musicais, baile e actividades variadas durante os tres días de celebración. “Por suposto, durante estas xornadas, o noso protagonista será o Choco de Redondela, o noso produto por excelencia, o mellor choco do mundo, capturada nas augas da Enseada de San Simón”, explicaba Digna Rivas.



Entre os participantes desta edición da Festa do Choco atopamos na carpa do campo da Feira aos restaurantes O Tranquilo, Casa Chano, Lugar da Serra e Ecolagar xunto ás panaderías Luisa e Vila dos Viadutos.

Os asistentes poderán degustar pratos tradicionais como os chocos na súa tinta ou con arroz, á prancha, choco en empanada de trigo ou millo, choco á feira, e tamén outros máis orixinais como choco con salpicón de marisco ou con garavanzos. Tamén poderán atopar na carpa os produtos de Anaquel Gourmet, Paladarqueso, Filloas María, viños da adega Quinta das Eiras e artesanía de Lelate.

O domingo, día grande da Festa do Choco, esta edición contará cunha pregoeira con moito humor, “Virtudes a Repunante”. A personaxe da xornalista e humorista viguesa María Foscaldo dará o pregón ás 12.30 no recinto da feira.

Programa de concertos

A XXXVIII Festa do Choco de Redondela sumará á súa excelente oferta gastronómica unha interesante proposta musical. O primeiro dos concertos será o venres día 9, ás 19.30 horas, coa Orquestra de Saxos de Redondela, para dar paso ás 22.30 horas á orquestra Os Satélites.

Os grupos locais serán tamén os encargados de abrir os concertos do sábado. Ás 12.30 actuarán o grupo de Gaitas e Baile Airiños de San Simón, e pola tarde concerto da Rondalla de Redondela ás 20.00 horas. Ás 23.00 será a quenda do incombustible Javier Gurruchaga e a súa Orquestra Mondragón.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, sinala que “a súa transgresora mistura de humor surrealista, cabaret e e rock and roll fará bailar a varias xeracións”. A noite do sábado rematará coa sesión dos picadiscos Borja Rúa e Rodri Vegas.

O domingo o pasarrúas da Banda de Música de Chapela comezará ás 11.30 horas, e ás 13.15 amenizará o xantar o grupo de gaitas O Carballo das Cen Pólas. A música galega e en galego seguirá pola tarde, desde as 18.00 horas, co concerto do Sonoro Maxín e o seu novo álbum “A primavera ten que ser nosa”. Trátase dun espectáculo no que conviven estilos musicais diversos que van da cumbia ao rock, pasando polo merengue, entre outras propostas. O peche porao o espectáculo da Orquestra Combo Dominicano.



Para rematar, Digna Rivas quixo “agradecer a todas as persoas que fan posible esta festa, xa que a colaboración entre a veciñanza, os negocios locais e o Concello é moi importante para que esta festa gastronómica sexa un éxito e consolide a Redondela como un referente na promoción dos produtos do mar galegos”.

“O choco é o produto de Redondela por excelencia, somos coñecidos como choqueiros e choqueiras en todo o mundo, e iso é posible grazas ao gran traballo dos mariñeiros e mariñeiras da Confraría de Redondela que traen do mar este excelente produto”, engadiu Rivas.

Igual que nos últimos anos, a empresa local Eurored é a encargada de engalanar as rúas para a celebración con redes e outros aparellos mariñeiros. Digna Rivas destacou o traballo que fai Eurored neste sentido e agradeceu “aos seus propietarios e ao seu director a colaboración e axuda que nos adican cada ano”.


Viaxes á illa de San Simón e visitas guiadas

Co gallo da Festa do Choco, organízanse viaxes en barco á illa de San Simón con visita guiada ao prezo de 6 euros por persoa.

Horarios:

  • Ás 12:00 h dende o porto de Cesantes.
  • Ás 17:00 h dende o porto de Cesantes.
  • Ás 18.00 h saída dende o peirao do museo Meirande.

Venta de entradas no museo Meirande (986 458 891) e na oficina de turismo de Redondela (986 401 713). En caso de esgotarse as prazas a navieira ofertará novas visitas a través da súa web crucerosangel.com


Está pasando!