Aberta a convocatoria para o programa do CDG “Os segredos do Salón Teatro” de visitas en liña para colexios e institutos

10 Xaneiro 2021

Aberta a convocatoria para o programa do Centro Dramático Galego “Os segredos do Salón Teatro” de visitas en liña ao corazón do teatro, dirixido a centros educativos de Primaria e de Secundaria de toda Galicia.

Con motivo da conmemoración do centenario do Salón Teatro, edificio no que ten a súa sede, a compañía pública retoma as súas actividades escolares, adaptándoas á actual situación sanitaria para o seu desenvolvemento de xeito virtual.

Esta proposta está aberta a todos os centros interesados en participar durante o actual curso escolar. A actividade desenvolverase os mércores, cunha duración máxima estimada de 45 minutos.

As solicitudes para participar poden remitirse ao correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal

Visita virtual

A través dela, os estudantes terán a oportunidade de descubrir que se agocha tras o pano do Salón Teatro, nun percorrido virtual e guiado polo escenario, o peite, os camerinos, a xastrería, a cabina de control e demais espazos que non adoitan abrirse ao público. Buscarase, ademais, a interactividade co alumado para lles dar resposta a todas as curiosidades que poidan xurdir ao respecto do funcionamento dun teatro, a produción dun espectáculo ou os diferentes oficios nel implicados.

Ao tempo, coñecerán de primeira man a evolución experimentada polo edificio nestes 100 anos de vida e, especialmente, tras a súa rehabilitación pola Xunta de Galicia para recuperalo como espazo escénico en 1999. Con tal motivo, ofrecerase tamén unha aproximación á historia do teatro profesional galego, da que o Centro Dramático Galego é parte fundamental, lembrando espectáculos, compañías e grandes intérpretes que se subiron ás táboas do Salón Teatro nos últimos vinte anos.

Outro dos obxectivos deste programa é poñer en valor as numerosas profesións artísticas e técnicas que forman parte do ámbito teatral (dirección, interpretación, escenografía, iluminación, son, tremoia, rexedoría, vestiario, produción etc.), incidindo na necesidade de rachar cos roles e cos estereotipos de xénero.

Visitas Virtuais ao Teatro PDF

Está pasando!