Aberta a inscrición para participar no programa formativo para bandas pontevedresas organizado polo Local de Música

8 Xuño 2022

  • O Serán de Tralla e o Son da Serea son as dúas experiencias de mentorización que ofrece o servizo municipal e que cristalizarán en actuacións ao vivo
  • Desde o ano 2013, máis de 70 grupos e máis de 300 persoas participaron e tocaron nalgún dos proxectos de verán promovidos desde o Local

O Local de Música continúa a ser epicentro de boa parte da escena musical máis moza e amateur da cidade. Situado ao carón das vías do tren, o edificio mantense como unha proposta activa e fresca de ocio, que tece fíos con outras redes culturais da cidade. Nesta ocasión, desde o Local chega o aviso da apertura de inscrición para participar no programa formativo e de acompañamento de verán para preparar concertos ao vivo.

Seguindo o ronsel doutros anos, o proposta queda enmarcada dentro dunha serie de acción de asesoramento divididas en dous posíbeis niveis: Serán de Tralla [iniciación] e Son da Serea [medio/avanzado):

  • O Serán de Tralla é unha formación e asesoramento para 8 bandas que están comezando e que aínda non tocaron moitas veces en directo. «Poñemos a andar o teu proxecto e terás que demostralo en directo no concerto final do Serán de Tralla, que será o xoves 14 de xullo no Local de música», explican desde o Local. As bandas disporán de 2 sesións individuais co equipo do Local entre o 28 de xuño e o 13 de xullo para traballar todo o preciso de cara a un funcionamento óptimo da agrupación.
  • O Son da Serea é unha mentorización e formación para 8 bandas máis avanzadas. «Potenciamos o proxecto e axudámoste na profesionalización da banda, e terás que demostralo no concerto final do Son da Serea, o martes 26 de xullo na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra», indican desde o Local. Terá que asistir obrigatoriamente alguén do grupo ás formacións presenciais do luns 4 e martes 5 de xullo no Local de música, de 18h-21h. A maiores tamén se celebrará unha sesión individual de 2 horas entre o 6 e o 22 de xullo para traballar o son e ecualización para o directo.

As 8 bandas que participan do Son da Serea terán ademais unha beca de 250€ para mercar materiais que melloren o proxecto artístico.

As inscricións estarán abertas até o 17 de xuño, ás 23.59 horas na páxina web localdemusica.gal. Paga a pena lembrar que 77 grupos locais tocaron en directo nos bolos de verán organizados polo Local desde o ano 2013, o que deriva nunhas 300 persoas distintas as que tiveron a oportunidade de tocar na súa cidade nalgunha das propostas realizadas. Desde o ano 2016, o Serán de Tralla foi a primeira experiencia en directo para máis de 20 bandas pontevedresas.


Está pasando!