Aberta ata o día 22 de abril a inscrición para participar na Festa dos Maios 2022 de Redondela

11 Abril 2022

Redondela volverá a vivir con toda a intensidade unha das súas festas emblemáticas que, ao igual que o resto de celebracións populares, tiveron que ser aprazadas por mor da pandemia.

Ata o día 22 de abril terán de prazo as persoas e agrupacións interesadas en formalizar a inscrición para participar na Festa dos Maios 2022, unha das celebracións populares máis emblemáticas de Redondela, que volverá a encher de cor a Alameda de Castelao. Recupera así o municipio esta festa tradicional que, ao igual que outras moitas, tivo que ser aprazada por mor da pandemia da Covid-19.

O Concello, que destina unha axuda de 100 € a cada maio que se presente ao Concurso, outorgará tamén un total de 12 premios repartidos a razón de 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional, e Premio ao maio artístico. Todos eles terán as mesmas contías económicas con un primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros.

Cómpre lembrar que considérase como maios tradicionais aqueles construídos con forma cónica ou de cruceiro e que, na súa elaboración, empregan materiais vexetais (especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas) e técnicas construtivas mecánicas non sintéticas. Na categoría de maios artísticos entran aqueles construídos con forma non cónica empregando na súa construción materiais vexetais e técnicas construtivas non exclusivamente mecánicas. O único material non vexetal permitido para a decoración dos maios nas dúas categorías é a casca de ovo.

No que ás coplas atinxe, estarán escritas en lingua galega (normativa oficial da RAG, 2003). Será imprescindible que cada maio conte, como mínimo, con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado.

As bases, que poden ser consultadas na súa integridade na páxina web do Concello de Redondela, establecen tamén que os maios deberán gardar unha unidade temática, tanto no seu vestiario coma na súa actuación e, amais, non serán admitidos a concurso aqueles maios con coplas que atenten contra as máis elementais normas de civismo e respecto á honra e dignidade das persoas.

É condición imprescindible que os maios que opten ós premios soliciten a súa inscrición no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Redondela conforme ao modelo que aparece no anexo. O prazo de solicitude rematará o venres 22 de abril.

O sorteo para a localización dos maios, a orde de actuación diante do xurado e a explicación do desenvolvemento do concurso celebrarase o martes 26 de abril ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira. Os maios colocaranse nos lugares asignados no sorteo ás 11:00 horas do día 1 de maio.

As/ Os concursantes actuarán diante do xurado subindo o seu maio ao palco, de acordo coa orde establecida no devandito sorteo e interpretando seis coplas das presentadas.


Está pasando!