Abertas as inscricións para a obra de teatro “32m2 – Unha xira confinada” na Guarda

4 Maio 2021

O vindeiro sábado día 15 continúa a programación do mes de maio ás 20:00 horas no Centro Cultural coa representación teatral de ’32m2 – Unha xira confinada’.

Esta obra de teatro, creada pola plataforma ButacaZero, trata sobre o absurdo do confinamento, coa finalidade de provocar nos asistentes unha catarsis colectiva ante un acontecemento que ten marcado, e marcará, a vida da sociedade.

Unha comedia de enredo sobre a nosa realidade máis recente coa que público sentirase seguramente identificado.

O prazo para a reserva de entradas está aberto xa dende o venres 7 de maio a través do mail centrocultural@aguarda.es

Aforo limitado e protocolo covid19.

Sinopse:

Mar e Xan son unha parella fóra do común, coma todas. Viven tan tranquilamente no seu pisiño de 32m². A vida pasa e o mundo xira, volta e volta, coma un filete.

Pero un día, o mundo esmendréllase. O que era unha Nación convértese nunha HiberNación e hai que facer todo o que di Simón. Mar non recoñece a súa vida. Xan non recoñece á súa parella. O mundo redúcese a catro paredes e xa ninguén entende nada.

’32m²’ é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés.


Está pasando!