Aberto o prazo para participar nos obradoiros de ‘O Museo en Camiño’ en Caldas de Reis

11 Xuño 2021

A ‘peregrinación’ do Museo de Pontevedra polo Camiño de Santiago está a chegar á súa fin. Dentro do proxecto ‘O Museo en Camiño’ creado para dar a coñecer as principais obras da institución e difundir o espírito xacobeo polos concellos do Camiño Portugués só quedan dúas paradas: Padrón e Caldas de Reis.

Padrón será o escenario da actividade o venres 18 e Caldas de Reis o sábado 19 e para ambos xa está aberto o prazo de inscrición. No caso de Caldas de Reis o obradoiro plástico e creativo desenvolverase no auditorio municipal, de 11:00 a 12:30 horas, e ten como finalidade que nenas e nenos de 6 a 12 anos coñezan os valores da ruta xacobea así como o patrimonio atesourado no Museo Provincial de Pontevedra. A reserva de praza debe formalizarse no correo electrónico contacto@tallerabierto.info ata completar a capacidade.

Con esta iniciativa, que se está a desenvolver desde o Museo no marco do programa ‘O teu xacobeo’ da Xunta de Galicia, a institución provincial convértese nun ‘museo itinerante’ que xa pasou por Redondela, Barro, Valga, Ribadelouro, Tui, Pontecesures, Arcade, e Cesantes ao longo do Camiño portugués con réplicas de pezas esenciais para a institución e cun programa didáctico que achegou a nenas e nenos o miliario romano de Salcedo, a Santa Tegra de Lugrís, as Campesiñas parolando de Luís Seoane, unha autocaricatura de Castelao, a obra de Sobrino Buhigas Santa María desde a Caeira, un Santiago Peregrino do século XVII, o retablo de San Acacio, o Tesouro de Caldas e a obra O Mercado de Carlos Maside.

Paspallás e Taller Abierto, creadoras do proxecto, fixeron unha escolma representativa do gran colector cultural que é o Museo para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

O museo portátil rematará con este obradoiro a súa viaxe e cara ao mes de setembro farase unha exposición no Museo de Pontevedra que explicará ao gran público o desenvolvemento do programa didáctico.

Está pasando!