Tino Fernández, Miguel Anxo Fernández Lores e Gregorio Agís en Pontesán 2023 | © Concello de Pontevedra

Abre as súas portas Pontesán, a Feira da Saúde e o Benestar que acada a súa cuarta edición este 2023

14 Abril 2023

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou o crecemento anual deste evento, lembrando a súa íntima relación coa promoción dunha cidade saudábel, equitativa e cohesionada


Asociacións socio-sanitarias, asociacións, federacións e clubs deportivos; colexios oficiais e institucións… A IV Feita da Saúde e o Benestar Pontesán continúa coa súa consolidación volvendo á praza do Concello un ano máis. Un evento de carácter divulgativo e promocional, que este 2023 contará coa participación de máis de 40 entidades sen ánimo de lucro e que estará dedicada á nutrición e a loita contra a obesidade.

Este venres, 14 de abril, procedeuse coa inauguración e apertura da carpa instalada na centro da Boa Vila da man do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Saúde, Tino Fernández, e o deputado provincial Gregorio Agís.


Xornada inaugural de Ponsesán 2023 | © Concello de Pontevedra

O rexedor da cidade sinalou que estaba «moi orgulloso da celebración dun evento que está a medrar ano a ano». «Prestaríame enmarcar esta Feira dentro da cidade de Pontevedra. Estou moi orgulloso de moitas cousas, pero creo que a decisión máis importante que tomamos nos últimos anos foi a de tentar construír unha cidade pensada para as persoas. Iso é unha cidade pensada para as persoas con maiores necesidades, para que poidan relacionarse, convivir e facer exercicio. Iso é o que fai unha cidade cohesionada».

«Eu fun médico e sempre traballei na medicina preventiva, na medicina de familia. Sempre tiven esa idea, xa de alcalde, de seguir coidando das persoas, facer unha cidade que o permita. Certamente é máis doado chegar a todo o mundo a través dun bando da alcaldía, tomando decisións políticas que melloren a convivencia cidadá, que estando na consulta un por un, aconsellando que se esa persoa se mova, que faga cousas, que coma ben», explicou Lores. «Pontevedra recibiu o premio á Excelencia de Deseño urbano saudábel, algo que engloba todo o que somos e que se foi desenvolvendo ao longo destes anos».



Á inauguración do evento do venres 14 de abril, seguiralle un mini taller de ciencia para nenos e nenas a cargo de Anedia (Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes). Ás 14:30 horas farase unha pequena pausa nas actividades, que se retomarán a partir das 17:00 horas, ata o peche do recinto, arredor das 20.30 horas, co Taller de Primeiros Auxilios de Cruz Vermella.

A xornada do sábado 15 seguirá os mesmos horarios que o primeiro día, comezando coa mesa redonda ‘¿Que queres ser de maior? Ti Decides. Pequenos pasos para vivir mellor coidando a túa dieta. Mellora a túa saúde’, a cargo de profesionais do Sergas, e finalizando coa charla de Alcohólicos Anónimos ‘Alcoholismo e as súas consecuencias’.

Por último, o domingo 16 de abril, xornada que só se desenvolverá nun horario de 4 horas, iniciarase ás 10:00 horas cunha andaina solidaria e rematará ás 14:00 horas cando se clausurará definitivamente o evento cun taller-coloquio a cargo da Asociación Española Contra o Cancro.

Está pasando!