Afundación combina a aprendizaxe do inglés e de valores en dúas actividades da súa programación escolar

8 Xaneiro 2024

  • Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá nas diferentes cidades de Galicia durante os meses de xaneiro e febreiro dúas obras de teatro para escolares en inglés
  • I Spy, dirixido a público desde 1.º a 4.º da ESO, e Help (Trouble in the Jungle), para alumnado de 5.º e 6.º de primaria
  • Máis de 16 000 estudantes de 223 centros educativos de toda Galicia gozarán destas actividades programadas por Afundación nos meses de xaneiro e febreiro

I Spy

O teatro participativo será a ferramenta máis útil, práctica e divertida para aprender inglés. James Blob, axente 003 ½, ten como misión combater a malvada Dra. Z. Nun intento por dominar o mundo, a Dra. Z conseguiu un perigoso virus co cal espera manipular e controlar os gobernos mundiais. Para detela, James necesita confiar no seu adestramento como espía, nos dispositivos que os servizos secretos da súa maxestade lle van proporcionar e, sobre todo, na valiosa axuda do público.

  • Auditorio Teatro Afundación de Vigo
    • 9 e 10 de xaneiro, funcións ás 10 e 12 horas
  • Auditorio Sede Afundación de Pontevedra
    • 11 de xaneiro, ás 10 e 12 horas

Help (Trouble in the Jungle)

Zaida vive na selva tropical, pero unha mañá a selva pídelle axuda. Un grupo de leñadores chegan para cortar a árbore máis alta da fraga, que ofrece alimento, refuxio e sombra a todas as persoas que a habitan. Ela soa terá que detelos coa inestimable axuda do público. Repleta de cancións, acción e gargalladas, esta comedia interactiva fará que o alumnado reflexione sobre a conservación e o coidado do medio ambiente. Unha experiencia práctica e divertida para asimilar novos coñecementos e aprender a expresarse en inglés.

  • Auditorio Teatro Afundación de Vigo
    • 22, 23 e 24 de xaneiro, funcións ás 10 e 12 horas
    • 25 e 26 de xaneiro, ás 10 horas
  • Auditorio Sede Afundación de Pontevedra
    • Auditorio Sede Afundación
    • 29, 30 e 31 de xaneiro, funcións ás 10 e 12 horas

As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas.

A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.


TODAS AS PROPOSTAS DO TEATRO PARA ESCOLARES DE AFUNDACIÓN 2023-2024

A diversidade e calidade da programación de artes escénicas Afundación para escolares ten o seu reflexo nas diferentes actividades e valores tratados na programación do curso escolar 2023-2024.

O acoso escolar que se trató na obra inaugural da programación para o curso 2023-2024, Golfa, centrou tamén a proposta de Varela producións e Cía de Blanca Marsillach, Belcebú, que achega a problemática que rodea ao bullying e ao ciberacoso desde a perspectiva dos seus dous protagonistas, a vítima e o acosador.

A música foi a protagonista da proposta de Odaiko Percussión Group Vaia ritmo!, dirixida a primeiro e segundo de primaria, na que se conxugaron a improvisación, a imaxinación e a interacción para espertar o enxeño dos espectadores.

Para os escolares de educación infantil programouse o espectáculo de marionetas Pingüin, de Periferia Teatro e premio ao mellor espectáculo no World Art Festival of Puppets de Praga, que aborda as inquietudes ás que se enfronta un neno ante a chegada do seu novo irmán.

Hugo, de Naúfragos Teatro, gañadora do premio María Casares ao mellor espectáculo para público infantil e familiar en 2022, aborda o trastorno do espectro autista na infancia desde a empatía e a sensibilidade, falando de diversidade, de convivencia e da beleza de ser diferentes.

Está pasando!