Afundación comeza a súa Tempada de Teatro en Pontevedra con Juan Echanove na pel do ditador Trujillo

10 Novembro 2021

Afundación comeza a súa Tempada de Teatro de novembro a decembro na Sede Afundación Pontevedra. O xoves 11 de novembro ás 20:30 horas o Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra acollerá a adaptación dramática da aplaudida novela de Mario Vargas Llosa ‘La fiesta del Chivo’, baixo a dirección de Carlos Saura.

Con Juan Echanove na pel do ditador Trujillo, a peza narra os últimos días do tirano da República Dominicana. O autor sérvese para iso da personaxe de Urania Cabral, unha exitosa avogada que abandonou o país de maneira misteriosa, sendo unha nena.

Tres décadas despois, regresa para visitar o seu pai moribundo, o senador Agustín ‘Cerebrito’ Cabral, un antigo alto cargo do Réxime que caeu en desgraza. Durante esa viaxe, desvelarase o secreto que a protagonista gardou celosamente desde a súa fuxida.

‘La fiesta del Chivo’ é unha lección de vida que nos lembra que o valor e a dignidade son os únicos antídotos contra a maldade e a barbarie.

Entradas á venda desde 20,00 euros en Ataquilla.com

OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO PONTEVEDRA 2021

O xoves 18 de novembro ás 20:30 horas, Chévere e o Centro Dramático Nacional, co apoio de AGADIC e en colaboración co Auditorio de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, presenta ‘Nevermore’, unha recreación a partir de retallos documentais dunha memoria colectiva co desastre ecolóxico do Prestige como pano de fondo. Baixo a dirección de Xron, a obra conta con Miguel de Lira, Manuel Cortés ou Patricia de Lorenzo, entre outros, entre o seu elenco.

O 18 de decembro ás 20:30 horas, Gabino Diego e Carmen Barrantes presentarán a nova obra dirixida e adaptada por Magüi Mira, ‘Los mojigatos’. As novas realidades sociais, os novos tabús ou o esvaecemento de certas liñas vermellas nunha relación son algúns dos temas que se tratan esta peza na que unha parella intenta atopar unha solución á falta de sexo na súa vida.

Está pasando!