© Orquesta Sinfónica de Galicia

Afundación e a Sociedade Filarmónica de Pontevedra presentan un concerto coa Orquesta Sinfónica de Galicia

16 Abril 2022

O xoves 28 de abril ás 20:30 horas, Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Sociedade Filarmónica de Pontevedra organizan un concerto que estará a cargo da Orquesta Sinfónica de Galicia no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra.

Este recital enmárcase no programa ‘Cultura por alimentos’, promovido por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital cunha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.

Baixo a dirección do mestre Víctor Pablo Pérez, a formación coruñesa ofrecerá o seguinte programa: Sinfonía en re menor, de Cesar Franck; e El hijo pródigo (escena lírica o cantata en un acto para soprano, tenor y barítono), de Debussy. Nesta última obra actuarán como solistas Raquel Lojendio (soprano), Mauro Peter (tenor) e Gabriel Bermúdez (barítono).

A Sociedade Filarmónica de Pontevedra facilitará as entradas aos seus socios, mentres que as persoas que non sendo socias e desexen asistir poderán adquirir as entradas a través de Ataquilla.com ou o mesmo día do concerto no vestíbulo do auditorio unha hora antes do inicio.

A ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA

Creada en 1992 polo Concello da Coruña, e con sede no seu Palacio de la Ópera, a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. A formación foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación, no 1998. Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas de concertos españolas.

Está pasando!