Presentación do programa ‘Agosto en Lalín’ | Concello de Lalín

‘Agosto en Lalín’ reúne concertos e festas, romaría interxeracional, Lalín Starlight e actividades infantís

29 Xullo 2025

A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, presentou a programación cultural do Concello de Lalín para o vindeiro mes, que reúne concertos (de clarinete, das bandas lalinenses, de dúos e tríos e o espectáculo ‘O Gran Guateque’) e festas como a XXXI Romaría Interxeracional ou a XXVI Malla Tradicional, así como actividades promocionais do destino Lalín Starlight e actividades infantís, entre elas o ‘Xoga Lalín’ que se desenvolve todos os mércores entre ás 16.30 e 20.30 horas, alternativamente entre a Praza da Igrexa e a Praza de Europa.

Así o venres, 1 de agosto, terá lugar a última xornada do VI Galicia Clarinet Fest, o festival de clarinetes máis importante de Europa que se celebra entre o 28 de xullo e o 1 de agosto en Lalín baixo a dirección artística de Xocas Meijide e coas colaboracións institucionais do Concello de Lalín, da Xunta de Galicia e da Deputación, entre outras entidades.

O festival, no seu último día de celebración, 1 de agosto, inclúe a actuación de Celso Fernández Sanmartín e o Grupo de cámara de clarinetes (13 h na rúa peonil); un recital con piano do alumnado do festival (18 h no Auditorio de Lalín) e o concerto de clausura a cargo da Orquestra de Clarinetes do Galicia Clarinet Fest baixo a dirección de David Fiuza (ás 21. h diante do monumento a Joaquín Loriga). Todos os concertos son gratuítos.

Tamén o primeiro de agosto a partir das 22 horas e na rúa Rosalía de Castro actuará, en formato dúo, o autor e compositor Pepe Piña, actuación promovida polo Concello e inserida no programa ‘Cultura no Camiño’. Piña mestura nos seus directos os seus temas propios de influencias moi variadas, da bossa ao blues pasando polos fados, o pop ou a canción de autor con algunha versión de temas coñecidos por todos co ánimo de facer un concerto dinámico e variado.

O sábado 2 iniciaranse os concertos das bandas de música lalinenses na rúa que se desenvolverán durante o verán. Será co concerto da Banda A Lira de Prado, ás 19 horas na Praza da Torre. Ao día seguinte, o domingo 3 de agosto, ás 19 horas e na rúa Rosalía de Castro actuará a Banda de Música Popular de Muimenta.

Tamén o domingo, 3 de agosto, se desenvolverá un evento tradicional e referente como é a XXXI Romaría Interxeracional que terá lugar na orixinaria Carballeira de Barcia a partir das 12 horas. As entradas que dan dereito á asistir ao xantar popular pódense adquirir na recepción do Concello ata o mércores, 30 de xullo, inclusive, en horario de 9 a 13 horas. O prezo é de 20 euros por persoa, sendo gratuíto para nenos/as de ata 12 anos.

O xoves 7 terá lugar o espectáculo ‘O Gran Guateque’ na Praza da Igrexa ás 21.00 horas con Micky, Fórmula V e Pablo Abraira que interpretarán vellos temas que foron grandes éxitos. A actuación é gratuíta a partir das 21 horas na Praza da Igrexa.

O martes 12 de agosto no marco das actividades promocionais de Lalín Starlight terá lugar a ‘Noite das Perseidas’, que terá por obxecto fundamentalmente poder contemplar a simple vista desde o Alto de Rodelas as Perseidas, coa explicación de persoas especialistas como o director científico de Lalín Starlight, José Ángel Docobo, Luca Piccotti, Ángel Castro, Nerea Puime e David Area. As persoas que desexen asistir nestas actividades gratuítas deberán anotarse previamente no Museo Municipal.

Estas actividades continuarán o mércores 20 de agosto ás 20 h no Museo Ramón Mª Aller cunha charla a cargo da astrónoma Eva Seijas titulada ‘Canto tempo lle queda ao Sol?’ e posterior observación telescópica dende o Observatorio conducida por Luca Piccotti.

O xoves 21 ás 19 h na Praza da Igrexa terá lugar a actividade ‘Castelao, un corazón á intemperie’. Trátase dunha actividade que o Concello de Lalín desenvolve ao abeiro do programa de ‘Cultura no Camiño’, dirixida a nenos e nenas a partir de 6 anos e ás súas familias ao redor da figura de Castelao neste seu ano que abranguerá diversas iniciativas orientadas a celebrar a figura do escritor, artista e político de Rianxo. A representación é a cargo de Fantoches Baj. Trátase dunha peza de teatro na que se verá a Varela Buxán renderlle a súa particular homenaxe a Castelao.

The Krowd Trío actuará o venres 22 de agosto ás 21 horas na rúa Rosalía de Castro, nun espectáculo promovido polo Concello de Lalín ao abeiro do programa ‘Cultura no Camiño’. Trátase dun trío musical afincado na Coruña cunha proposta que se basea en versionar clásicos de varios estilos musicais xunto con cancións contemporáneas.

O sábado 23 será a data para celebrar a XXVI Malla Tradicional de Doade, Festa de Interese Turístico Galego, que se desenvolverá en Codeseda (Doade) a partir das 11 horas.

Os Bolechas presentarán ‘O gran reto’ o martes 26 de agosto ás 20 h na Praza da Igrexa para desfrute da cativada, unha actividade que o Concello de Lalín desenvolve coa colaboración do programa ‘Falaredes 2025’ da Secretaría Xeral da Lingua.

Coa súa caravana chea de sorpresas Os Bolechas regresan cunha nova misión: superar ‘O gran reto deportivo’. Deporte, traballo en equipo e moito humor serán os ingredientes desta aventura sobre rodas.

A Banda de Lalín porá o punto final a esta programación cultural de agosto cun concerto o sábado 30 ás 19 horas na Praza da Igrexa.

Está pasando!