Presentación do Atlantic Fest 2025 | Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía convértese esta fin de semana na capital do indie grazas ao Atlantic Fest

16 Xullo 2025

  • O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto cos membros do goberno local e outras autoridades, participou esta mañá na presentación do Atlantic Fest, que se celebrará esta fin de semana na praia da Concha.
  • “Vilagarcía convértese na capital nacional e internacional do indie grazas a esta cita musical, toda unha referencia no sector”, apuntou o rexedor durante o acto.
  • Segundo cifras da Mancomunidade do Salnés, o ano pasado máis de 45.000 persoas visitaron a cidade coincidindo coa celebración deste festival.

Para o rexedor, os bos datos son un síntoma de que este evento “é un dos máis esperados do verán”. Neste caso, xogan a favor varios aspectos: un entorno privilexiado, un ambiente “xenial”, e unha oferta musical diferencial.

O Atlantic Fest forma parte do selo ‘VGA 365’, unha marca paraugas que engloba algunhas das citas máis importantes da cidade.

“Traemos unha proposta sólida, para quen vive a música con paixón. Mesturamos grupos xa maduros, como The Jesus & Mary Chain, con referentes nacionais, como Lori Meyers, e proxectos emerxentes, como o caso de PabloPablo”, apuntou Susana Laya, unha das organizadoras.

O festival está pensado tamén para a familia, xa que contará cun espazo de diversión para os máis pequenos, así como zona gastro e espazo suficiente para facer paróns entre tanta música.

Os artistas actuarán no escenario principal ‘Galicia Calidade’, mentres que o ‘Vibra Mahou’ quedará reservado para os Dj Sets de ‘Grande Osso’. Ademais, o domingo a música sairá á rúa, cun par de concertos a mediodía na praza do Castro.

Dende a organización recomendan aos asistentes locais e usuarios dos campings que pasen a recoller as pulseiras o xoves pola tarde no Auditorio Municipal. A maiores, e dado a cantidade de xente que se prevé que se achegue á cidade estes días, recoméndase utilizar a rede de aparcamentos disuasorios do concello, para non colapsar a vila de tráfico.

No acto tamén participou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xose Manuel Merelles.

Está pasando!