Ana Moura, ‘El sentido del humor’ e a exposición inmersiva ‘Vanguardias’ pechan o mes febreiro no Auditorio Mar de Vigo

23 Febreiro 2023

  • Ana Moura estreará o seu novo traballo en España o 24 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo dentro do ciclo ‘Suseia et Ultreia, Pobos, Linguas, Tribos’
  • Florentino Fernández, José Mota e Santiago Segura están a piques de esgotar entradas para o seu exitoso espectáculo ‘El Sentido del Humor: Dos tontos y yo’ o sábado 25 de febreiro
  • Derradeiros días para visitar a exposición inmersiva ‘Vanguardias’, que chega ao seu fin o vindeiro 26 de febreiro despois de máis de dous meses no Mar de Vigo

Febreiro chega ao seu fin. E dende o Auditorio Mar de Vigo teñen varias propostas ateigadas de de risas, música e arte para esta última fin de semana do mes.



O venres 24 de febreiro chega ao Mar de Vigo a raíña do fado Ana Moura. Con máis dun millón de discos vendidos en todo o mundo, unha das artistas portuguesas máis internacionais chega a Vigo para presentar de maneira exclusiva o seu novo traballo, ‘Casa Guilhermina’, dentro do ciclo patrocinado polo Xacobeo ‘Suseia et Ultreia, Pobos, Linguas, Tribos’.

The Guardian di ao respecto deste álbum que “a estrela do fado está a reinventar o “blues portugués” de novo, desta vez mesturando a súa intensidade emocional coa kizomba, a samba ou o trap”.

Neste disco, a artista lusa atrévese a propoñer novas sonoridades para o fado no século XXI, como demostran cancións como ‘Andorinhas’ ou ‘Agarra Em Mim’, en colaboración con Pedro Mafama, un tema que mistura influencias do fado coa música pop máis urbana.



O sábado 25 de febreiro, visítannos tres amigos e grandes cómicos: Florentino Fernández, José Mota e Santiago Segura. Con ‘El Sentido del Humor: Dos tontos y yo’, estes tres cómicos non deixan de colgar o cartel de “entradas esgotadas” prácticamente en todas as funcións.

En Vigo apenas quedan localidades á venda. Neste espectáculo, escrito, dirixido e interpretado por eles mesmos, os cómicos reflexionan sobre o que nos fai rir hoxe en día.

Os protagonistas resumen así o seu show: “Mota, Segura e Flo saen ao escenario, xuntos e por separado, por parellas e individualmente, e tentan facer rir ao público por todos os medios posibles.”

Unha oportunidade de ouro para botar unhas risas, que sempre nos fai boa falta.



A exposición inmersiva Vanguardias pecha as súas portas este domingo no Mar de Vigo

Para todos aqueles que aínda non a visitaron, estes serán os derradeiros días para visitar a exposición inmersiva ‘Vanguardias’, que pechará as súas portas o vindeiro domingo 26 de febreiro e pola que pasaron xa milleiros de asistentes.

Esta mostra permítenos redescubrir as vangardas a través da máis avanzada tecnoloxía e das obras de artistas como Kandinsky, Egon Schiele, Edvard Munch, Amedeo Modigliani, Juan Gris ou Robert Delaunay, entre outros.

Imaxes en movemento, música e 12 pantallas xigantes de 4 metros de alto e ata 24 de ancho que permiten ao espectador sumerxirse na luz, na cor e na técnica destes mestres da pintura que racharon cos prexuízos artísticos da súa época.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo. As entradas para todos os espectáculos están á venda a través de teuticket.com 

Está pasando!