Grande Amore | © Janite

Antía Muíño, Néboa, Grande Amore e Berto, ao vivo na noite grande da Culturgal 2022

25 Outubro 2022

  • A noite do sábado 26 de novembro, Culturgal vai de festival. Catro propostas rebordantes de enerxía e talento, ao vivo no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar os 15 anos da Culturgal
  • Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore toman a Feira como un furacán pechando un ano que, sen dúbida, é o seu ano. Electrónica, pop e tradición; a diversidade da música galega de hoxe nunha sesión única e singular
  • As entradas para #CulturgalSon15 sairán á venda o vindeiro 27 de outubro en cultur.gal a un prezo de 8 euros que inclúe, ademais do concerto, o acceso á Feira.
  • A 15ª Culturgal celébrase en Pontevedra do 24 ao 27 de novembro

Antía Muíño, Néboa e Berto | Culturgal

#CulturgalSon15 é unha proposta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) para esta edición especial da Culturgal, que recolle boa parte do novo talento musical do país. Co seu proxecto en solitario Antía Muíño está a converterse nun fenómeno; o seu tema “Carta aberta” ten mais de 900.000 reproducións contabilizadas en Spotify. Compostelá residente en Donosti, a artista forma parte dalgúns proxectos de jazz como o trío Arnela e xa pasou por festivais tan prestixiosos como o Jazzaldia.  A súa formación como guitarrista clásica e a súa proximidade ao jazz vocal, á música tradicional e ás cancións populares, fan da súa proposta unha das grandes sorpresas do ano, que mereceu o Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente.

Tamén a banda Néboa triunfou este ano nos Martín Códax co galardón na categoría Pop e Indie coa súa proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional. En 2020, co seu primeiro LP, “A realidade enganosa”, producido por Hevi e Lucas de Centi, acadan o galardón ao mellor álbum en galego nos Premios MIN 2021. En 2022 están a xirar por diferentes cidades do Estado presentando o EP “Fósforo”, no que repiten produtores, e no que contan coas colaboracións da cantante portuguesa Sús e de Antía Ameixeiras.

O proxecto Berto nace en decembro de 2021 da man de Alberto Mira, músico e compositor pontevedrés, que xa alterara o panorama musical galego co grupo Verto. En marzo de 2022 Berto publica “Bailar Chikito”, un EP en colaboración coa cantante Marinha, onde explora una mestura entre o pop, a música electrónica, o trap e o techno. Chega a Culturgal tras presentar o tema “Bágoas de cocodrilo”, un avance do que será o seu novo disco.

O peche do concerto #CulturgalSon15 virá da man de Grande Amore, un proxecto tan exitoso como sorprendente, cargado de personalidade e galardoado nos Martín Códax deste ano na categoría de Electrónica.. Grande Amore soa macarra e tenro, rabiosamente humorístico e, ao mesmo tempo, vulnerable na súa desesperación existencial, algo que plasma con mestría no seu primeiro tema, “Esta pena que a veces teño”.


Todo o programa da 15ª Culturgal

Culturgal irá desvelando toda a súa programación durante as próximas semanas tras o peche o 16 de outubro da convocatoria de participación dirixida a empresas, entidades e profesionais da cultura. O décimo quinto aniversario da Culturgal tamén terá un oco propio dentro da programación.

Está prevista unha exposición con materiais gráficos e audiovisuais que percorran a andaina do proxecto desde os seus inicios así como un acto conmemorativo que terá lugar o domingo 27 de novembro.

A organización da Culturgal corre a cargo da asociación do mesmo nome integrada por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira está patrocinada pola AGADIC-Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Está pasando!