Presentación do libro ‘Os Bolechas visitan aos axentes ambientais’ | Nós Comunicación

Aprafoga, a Secretaría Xeral da Lingua e o Concello de Cerdedo-Cotobade levarán o libro ‘Os Bolechas visitan aos axentes ambientais’ a todos os colexios

4 Febreiro 2025

Promovido por Aprafoga, o libro ten como obxectivo dar a coñecer o labor dos axentes ambientais entre o público infantil


O presidente da Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga), Félix Pérez de la Fuente; o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez; e o alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela López, presentaron esta mañá o libro ‘Os Bolechas visitan aos axentes ambientais’.

Un edición de 3.500 exemplares cuxo obxectivo é “chegar a todos os centros de ensinanza infantil e primaria de Galicia e ás bibliotecas para que os nenos e nenas coñezan o noso traballo”, explica Félix Pérez de la Fuente.

De feito, a edición do libro foi promovida por Aprafoga para poder conectar cun público infantil ao que non daban chegado a través doutras accións. “Detectamos que temos pegada e somos coñecidos en todo o territorio, especialmente no rural, pero tiñamos unha eiva co público infantil”, sinala Félix Pérez de la Fuente, quen agarda que “a través dos Bolechas consigamos visibilizar o importante traballo que realizan os axentes ambientais no rural entre os nenos e nenas”.


Presentación do libro ‘Os Bolechas visitan aos axentes ambientais’ | Nós Comunicación

Por último, o presidente de Aprofaga agradeceu e destacou a colaboración amosada en todo momento polo Concello de Cercedo-Cotobade, contorna natural na que se enmarca a historia, así como a financiación achegada pola Secretaría Xeral da Lingua para a edición desta publicación. De feito, dende Aprafoga vaise promover que todos os nenos e nenas de Cerdedo-Cotobade en idade escolar poidan recibir cadanseu exemplar.

Natureza e lingua

Pola súa banda, Jorge Cubela agradeceu que o libro estea ambientado no seu municipio e considerou un acerto contar cos Bolechas para proxectos educativos ambientais. Algo no que coincidiu Valentín García, quen puxo en valor a posibilidade que este libro dá á rapazada de “entrar en contacto co medio natural e o respecten, ao tempo que coñecen as funcións dos axentes ambientais en Galicia”.

‘Os Bolechas visitan aos axentes ambientais’ é unha iniciativa que busca defender a natureza e promover o uso da lingua galega a través dun relato de fácil comprensión para o público infantil. Unha historia que pon en valor o traballo dos axentes ambientais no marco do Concello de Cerdedo-Cotobade, municipio con ampla vinculación coa protección do medio ambiente e que aparece recollido en lugares senlleiros como Santa Mariña ou San Xusto.

Está pasando!