‘Aquí Cántase’ | © Concello de Pontevedra

’Aquí cántase’, a cita colectiva que porá a cantar a toda a cidade de Pontevedra polas rúas do centro histórico

9 Agosto 2023

  • A actividade comezará ás 21 horas na Praza de Curros Enríquez este venres, 11 de agosto, para logo percorrer a Praza do Teucro, as escaleiras do Teatro Principal e a Praza de Santa María
  • Maravallada organiza e acompaña musicalmente un evento que se converteu nun dos máis agardadas do verán pontevedrés, onde a música popular e tradicional é a protagonista

Convertida nunha das citas máis orixinais e curiosas do verán pontevedrés, ‘Aquí cántase’ regresa un ano máis para amosar como o canto tradicional e popular pode ser tamén unha festa colectiva que supera calquera expectativa.

Organizado pola asociación cultural Maravallada, ‘Aquí cántase’ preséntase como unha actividade de promoción desas melodías galegas que foron pasando de xeración en xeración, que se desenvolverá na tardiña e na noite do venres, 11 de agosto, a partir das 21 horas.

Catro vellos mariñeiros, A Carolina, Fisterra, Sementeira ou O estraperlo serán algunhas das cancións que calquera que se achegue até as prazas escollidas para os diferentes pases poderá cantar, pois este é un evento libre, unha cita que quere contar con calquera persoa que queira gozar da música popular e tradicional. Maravallada repartirá as letras como vén sendo habitual e haberá letras para todos e todas, veciñanza e visitantes.


‘Aquí Cántase’ | © Concello de Pontevedra

Nesta nova edición, haberá un cambio no percorrido que Maravallada e toda a xente participante viña facendo nos últimos anos. Isto é debido a coincidencia co Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que ocupa a Praza da Ferraría.

Deste xeito, o percorrido que se levará a cabo é o seguinte: o encontro dará comezo ás 21.00 horas na Praza de Curros Enríquez; logo trasladarase até a Praza do Teucro (21.45 horas). Despois pasarase por diante do Teatro Principal (22.30 horas), para rematar preto da media noite na Praza de Santa María.

Doutra banda, e como actividade paralela, ao longo da tarde deste venres a Treboada Virxe do Alivio de Tomiño percorrerá as rúas da cidade animando á xente a participar na cita da noite. O músico Anxo Xesteira volverá facer de director musical durante a mesma.

Está pasando!