Arranca na Guarda a III Ruta do Libro, que promove o consumo de libros na vila durante o mes de abril

30 Marzo 2023

A iniciativa irá acompañada de diferentes eventos en torno á literatura e o libro ao longo de todo o mes


Por terceiro ano consecutivo o Concello da Guarda dedica o mes de abril ao libro e as librerías, cunha programación centrada na presentación de diferentes obras literarias e no estímulo ao consumo de libros.

A Ruta do Libro, que tan boa acollida tivo nos anos anteriores consiste en poder conseguir un bonito agasallo por cada 30 euros gastados en libros nas librerías guardesas: Atlántica, Ler, Ideas ou Cervantes. Este consumo pode acumularse durante todo o mes e  incluso en diferentes librerías, nas que nos facilitarán o pasaporte lector para gardar os tíckets de compra. So temos que dirixirnos á Biblioteca Municipal a partir do 9 de abril en horario de 17:00 a 20:00 horas, de luns a venres.

Aínda que sen dúbida o maior estímulo para o consumo dos libros virá coa celebración do Día do Libro, xa que con motivo desta data, que neste ano abrangue o fin de semana do 22 e 23 de abril, poderán adquirirse os libros cun 10% de desconto.



PROGRAMACIÓN MES DO LIBRO

Paralelamente á campaña comercial, este sábado día 1 de abril comeza o mes do libro coa presentación do poemario de Feliciano Rolán ‘De mar a mar’  traducido ao galego. O acto realizarase nos Xardíns de Feliciano Rolán (centro de saúde) ás 12:00 horas.

Xa pasada a Semana Santa, o xoves 13 de abril na Casa dos Alonso presentarase a novela de Santiago Ferragud (escritor e músico) ‘Todo chega dende o mar’ na que estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de Debuxo e responsable do Departamento de Igualdade do IES A Sangriña, xa que a novela nos traslada o Vigo do século XX, na pel de dúas protagonistas femininas que viven momentos sociopolíticos alonxados no tempo pero convulsos como é o Vigo de 1931 e a proclamación da República á que lle sigue a represión do 36 na Illa de San Simón e o Vigo de 1972 no fin da ditadura e no xerme do GRAPO.

A última presentación literaria realizarase o 21 de abril, no centro cultural, será o libro ‘Tierra de leyenda I, O legado de Breogán’ do tamén vigués Samuel Ferro. Esta novela ambientada na Galicia medieval  aborda as penurias de Martín, un rapaz de 1351 que se ve obrigado a sobrevivir como pode, e maiormente ao marxe da lei. Tui, Salvaterra e A Guarda serán lugares onde se centre parte da acción desta historia.

Xa metidos na fin de semana dedica ao Día do Libro, o 22 de abril haberá na Biblioteca Municipal, ás 12:00 o Contacontos ‘Lucinda e o inspector Vinagre’, a cargo da cooperativa guardesa Maga de Voz, con Cristal Méndez e Paolo Rosi.

E o domingo 23 de abril remata toda esta programación co concerto ‘Se cantas es ti que cantas…’ a cargo do Coro Cantares de Brueiro, dirixidos por Tino Baz. Este concerto será na Igrexa Parroquial ás 18:00 horas.

Lembrade que durante este fin de semana, nas librerías poderán adquirise libros co desconto do 10% e co agasallo dunha rosa. Manténdose á campaña da Ruta do Libro ata o fin de semana seguinte, o 30 de abril.


Está pasando!