Presentación da II Travesía a Nado Río Lérez | © Concello de Pontevedra

As augas do Lérez volverán encherse de nadadores e nadadoras coa segunda edición da súa travesía a nado

24 Xullo 2024

A proba deportiva desenvolverase ao longo da tarde do vindeiro sábado, 27 de xullo, contando con máis de douscentos participantes


O vindeiro sábado, 27 de xullo, Pontevedra terá unha cita deportiva coa auga do río da cidade como protagonista. A segunda edición da Travesía a nado Río Lérez, organizada polo Club Natación Galaico e a Federación Galega de Natación dentro do Circuíto Galego de Augas Abertas será unha realidade tralo éxito do evento do pasado ano.

A cita procura consolidarse como unha proba máis dentro do calendario deportivo da cidade e do país, e conta con ambición e moita gana por parte do seus organizadores, que recoñecen que o seu soño é facer unha proba internacional deste tipo nas augas do río da Boa Vila. Tal é así o camiño que o vindeiro ano, o CN Galaico solicitará a inclusión da Travesía dentro da Copa de España da especialidade.

Deste xeito, a proba desta fin de semana funcionará como un auténtico test de cada ao futuro e permitirá aos seus 200 participantes gozar dunha xornada de luxo. A cita conta co triatleta Javi Gómez Noya como padriño.



Cun percorrido de 2.500 metros, con saída, volta e chegada na praia fluvial, é posíbel gozar e animar desde a beira do Lérez ao longo de todo o fermoso percorrido. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na súa presentación xunto coa edil de Deportes, Anabel Gulías, con representantes tamén da Xunta de Galiza (Daniel Benavides) e da Deputación de Pontevedra (María Isabel Couselo).

«É unha das 7 probas do circuíto galego de augas abertas, contará con distintas categorías e cremos que é unha oportunidade moi interesante para Pontevedra e para gozar do noso río», indicou o rexedor. «Agardamos que haxa unha participación ampla, cunha actitude deportiva e que todo o mundo o pase realmente ben».

Está pasando!