Miguel Anxo Fernández Lores cos Reis Magos en Mugartegui | © Concello de Pontevedra

As crianzas da Boa Vila coñecen os Reis Magos no Pazo de Mugartegui e viven unha mañá para o recordo

5 Xaneiro 2023

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Festas, Carme da Silva, recibiron de xeito oficial a Melchor, Gaspar e Baltasar que logo puideron atender as peticións dos cativos


Pontevedra avanza un chanzo máis na normalidade post-pandemia logo de recuperar a tradicional recepción os Reis Magos no Pazo de Mugartegui. Desta vez, neste 2023, as crianzas si puideron achegarse até Melchor, Gaspar e Baltasar; facer cadansúas peticións e logo coller caramelos á espera de volver velos pola tarde na Cabalgata.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, déronlle a benvida aos Reis Magos na súa chegada ao Pazo, unha acción non exenta de ‘dificultade’ por mor dos centos de nenos e nenas, pais e nais, avós e avoas, que trataban de saudar e deixar constancia do encontro con algún deles cun rápido retrato fotográfico.

O rexedor da cidade estivo atento con eles, desexándolles que tivesen unha boa xornada hoxe na Boa Vila, na que deberán percorrer miles de fogares para poder cumprir co seu labor. Previamente, pasearán polas rúas de Pontevedra, na Cabalgata tradicional de Reis, que comezará ás 18:00 horas, na avenida de Lugo e repartirá máis de dúas toneladas de caramelos sen gluten entre os espectadores da mesma.

Así, o percorrido que farán os Reis Magos continuará por Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, Michelena, a praza do Concello e até a rúa Alameda. O Concello de Pontevedra lembra que cómpre seguir as instrucións dos corpos de seguridade e dos voluntarios de Protección Civil co fin de garantir o benestar de todas as persoas que acudan a ver a Cabalgata. Está previsto que sexan repartidos preto de dúas toneladas de caramelos sen gluten pola comitiva.

Está pasando!