Fervenzas do Pereiro | © Concello de Poio

As Fervenzas do Pereiro, un roteiro verde e para toda a familia no que gozar dun ‘Verán Único’ en Poio

13 Agosto 2024

  • Continúa a campaña para difundir recursos turísticos “exclusivos de Poio” entre visitantes e veciños durante o período vacacional, recordando que “temos un patrimonio natural e cultural extraordinario onde se poden vivir experiencias únicas”
  • Nesta ocasión, animan a coñecer as Fervenzas do Pereiro, un pequeno sendeiro de algo máis dun quilómetro, entre muíños antigos, bosques frondosos e espectaculares saltos de auga: “Un tesouro natural escondido na faldra do Castrove e que merece a pena descubrir”

A Concellería de Turismo de Poio continúa a campaña ‘Un Verán Único’, deseñada para difundir entre visitantes e veciños algúns dos atractivos turísticos “exclusivos de Poio”. Nesta ocasión, faino convidando a coñecer as Fervenzas do Pereiro, na parroquia de San Xoán: “un tesouro natural escondido na faldra do Castrove e que merece a pena visitar”.

Segundo a concelleira responsable da área, Rocío Cochón, o obxectivo desta campaña é poñer en valor “algúns dos recursos turísticos que nos converten nun destino diferente e de calidade, máis aló do ‘sol e praia’”. “Ademais, queremos chegar a viaxeiros potenciais pero tamén á nosa propia veciñanza, para que teña claro que en cada unha das nosas parroquias, a poucos metros da súa casa e sen saír de Poio, temos un patrimonio natural e cultural extraordinario onde se poden vivir experiencias únicas”, explicou.


Fervenzas do Pereiro | © Concello de Poio

As Fervenzas do Pereiro son un expoñente ideal destes valores, indicou, xa que nunha ruta de pouco máis dun quilómetro os que a visitan poden descubrir elementos patrimoniais como os restos do Muíño da Boneira; frondosos bosques con carballos, castiñeiros, eucaliptos e acacias, así como regatos, pontes, e especialmente os saltos de auga que lle dan nome, entre os que destacan a fervenza da Pindilleira, de 7 metros, e a Fervenza da Ferixa Alta, cunha caída de 10 metros.

O sendeiro comeza no lugar da Banda do Río, no Pereiro de Abaixo, e pode percorrerse nunha hora, xa que é de baixa dificultade e apto para toda a familia, se ben cómpre advertir que partes da ruta teñen importantes desniveis, polo que é importante “explorar sempre con sentidiño”.

Desde o departamento de Turismo animan á veciñanza a participar na campaña “visitando estes lugares e sacando o móbil para presumir de Poio”, compartindo as súas propias imaxes e vídeos do lugar escollido cada semana, etiquetando a @turismodepoio.

Está pasando!