As festas de San Roque celebraranse entre o 11 e 20 de agosto, con actividades para todos os públicos e o regreso da Festa da Ameixa do Carril

12 Xullo 2023

  • A falla dun mes para que a lectura do pregón abra oficialmente as festas de San Roque 2023, dende o balcón da Casa Consistorial, o Concello de Vilagarcía xa ten prácticamente listo o programa, que comezará o venres día 11 de agosto e concluirá o domingo 20
  • Nesta ocasión, o día de San Roque, festivo local, cae en mércores, de xeito que a Festa da Auga celebrarase a metade da semana

O programa seguirá a liña dos últimos anos, é dicir, mantendo a gratuidade de toda a programación e cunha clara aposta polo público familiar e a cultura local e galega, sen deixar de atender as propostas musicais nacionais de distintos estilos e públicos diferentes.

Así, o ciclo de concertos arrancará o venres 11 co cantante de música urbana Don Patricio e concluirá o xoves 17 con veterano grupo de música tradicional Treixadura. En medio, o sábado 12 será o momento do espectáculo “Hija de la Luna”, un tributo a Mecano; e o domingo, o grupo local Coda porá en escena o musical “Tarzán”.

O luns 14 será a quenda de Rayden e a súa banda, dentro da súa xira de despedida dos escenarios “Quiero que nos volvamos a ver por última vez”. Como “teloneros” subirán ao escenario Lontreira, o grupo que xa ía actuar no ciclo Ágora Vermú e que por circunstancias meteorolóxicas tivo que aprazar a súa presentación en Vilagarcía. Agora, de protagonizar un concerto en pequeno formato, a pe de rúa, pasan ao gran escenario do parque da Xunqueira.

Os concertos continuarán o martes 15, con varios grupos locais aínda por confirmar e un espectacular desfile nocturno dos Festicultores. O mércores 16, no auditorio, actuará a banda de cámara Arousa. Como queda dito, os recitais musicais na Xunqueira rematarán o xoves 17, despois do día grande das festas, con Treixadura. Ao longo da semana haberá tres verbenas, protagonizadas polo Grupo Claxon, Coleguitas e Metrópolis.

Os outros clásicos de San Roque xa teñen tamén o seu calendario pechado. Así, o Festaclown, convertido nos últimos anos nun dos grandes reclamos das festas, desenvolverase entre os días 11 e 15 de agosto, aínda que haberá un anticipo o xoves 10. Pola súa banda, o combate naval, un festival pirotécnico único en Galicia, será na noite do sábado 19, e o desfile de carrozas o domingo 20, o mesmo no que, por fin, recupérase a Festa da Ameixa na contorna da alameda, a lonxa e o peirao do Carril.

Como vén sendo habitual, as festas complementaranse con pasacalles, o tradicional concerto da banda de música, e outros espectáculos de animación que se darán a coñecer máis adiante.

Está pasando!