Presentación de ‘As mulleres que opinan son perigosas 2025’ | Concello de Pontevedra

‘As mulleres que opinan son perigosas’ volven ás súas orixes, reivindicando o papel fundamental do xornalismo

19 Febreiro 2025

  • O foro, promovido polo Concello e a Deputación de Pontevedra, e ideado polas xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira, contará coa presencia de María Escario, Anna Bosch, Olga Rodríguez ou Aida Bao, entre moitas outras voces
  • Celebrarase no Teatro Principal, entre os días 14 e 15 de marzo, con entrada de balde

As mulleres que opinan volverán ser perigosas no Teatro Principal. Pontevedra continuará sendo unha cidade referente ao acoller o foro ideado polas xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira, que este 2025 celebra a súa oitava edición.

Entre os días 14 e 15 de marzo, e cunha entrada de balde até completar as butacas dispoñíbeis, un total de 15 mulleres pasarán polo escenario dunha cita que recupera o xornalismo no centro da súa temática, reivindicando o seu papel fundamental dentro da sociedade, ao tempo que pon o foco na investigación para publicar casos de violencia sexual ou a información internacional.

Os nomes desta edición amosan carreiras máis que coñecidas e traballos enormemente valorados polo público e a profesión, namentres tamén abre a porta a voces emerxentes dentro do xornalismo, a canteira do futuro da información e da opinión.


Presentación de ‘As mulleres que opinan son perigosas 2025’ | Concello de Pontevedra

Desde a organización, Pedreira e López Varela lembran que este ano chegarase a cifra das 100 profesionais da comunicación que xa pasaron por este foro, e que desde o 2018 contan as súas experiencias, os seus fitos, retos e vivencias en Pontevedra, convertendo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ nunha referencia.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo encomiar o labor de Diana López Varela e de Susana Pedreira, como ideólogas e coordinadoras desta cita. Tamén agradeceulle á Deputación de Pontevedra o seu apoio á hora de cofinanciar unha proposta pioneira no Estado e no país, e que a día de hoxe se sitúa como o mellor a máis importante foro da súa clase e polo que xa pasaron lendas da comunicación e do xornalismo.

O rexedor da cidade lerezana lembrou que non é posible que o xornalismo, en especial as seccións de opinión, continúe sen ser un reflexo do que é a sociedade, onde máis da metade da poboación é feminina, porcentaxe que rara vez se albisca nas sinaturas dos artigos de opinión nas páxinas dos xornais.

Venres 14 de marzo

  • 12:00 h. “Non hai historia mala”. María Hermida, de La Voz de Galicia
  • 12:45 h. “Cuantificar, contextualizar e documentar a violencia machista”. Macarena Baena, responsable de Efe Feminista
  • 13:30 h. “As malas nais e as fillas horribles: (un tabú?) máis alá da ficción”. Blanca Lacasa, xornalista e escritora autora de ‘Las hijas horribles’
  • 14:15 h. Pausa para xantar
  • 17:00 h. “Pensando en ti. Experiencias persoais e opinións de madrugada”. Raquel Rosa, da Radio Galega
  • 17:45 h. “Xornalismo de investigación contra a violencia sexual”. Ana Marcos e Elena Reina, equipo de investigación de abusos no cine de El País
  • 18:30 h. Pausa para café
  • 18:45 h. “Feridas de guerra. Desmontando o relato patriarcal dos conflitos”. Olga Rodríguez, xornalista especializada en información internacional e dereitos humanos de Eldiario.es
  • 19:30 h. “Unha vida dedicada á información. Corenta anos de televisión”. María Escario, xornalista de TVE xubilada

Sábado 15 de marzo

  • 12:00 h. Inauguración. Diana López e Susana Pedreira, co Concello e coa Deputación
  • 12:30 h. Gañadoras do II Premio de Opinión #MulleresQueOPinan. María Piñeiro e Antía Yáñez
  • 13:15 h. “Coordinar unha sección de opinión”. Noelia Adánez, coordinadora de opinión en Público
  • 14:00 h. Pausa para xantar
  • 17:00 h. “Notas de voz na terraza. Opinar en videocolumna”. Aida Bao, da Cadena SER
  • 17:45 h. “Unha homosexualidade propia. Identidade lésbica e referentes culturais”. Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do Grupo Prensa Ibérica e RNE
  • 18:30 h. Pausa para café
  • 18:45 h. “Explicar a actualidade a través do humor”. Raquel Martos, xornalista e escritora de Onda Cero e infoLibre
  • 19:30 h. “De Moscú a Londres pasando por Washington. O oficio de correspondente e enviada especial”. Anna Bosch, correspondente e enviada especial de TVE. Escribe opinión en RTVE.es
Está pasando!