As reservas para as visitas guiadas de marzo ao interior de Santa Clara serán habilitadas mañá venres ás 17:00 horas

17 Febreiro 2022

A área de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra xa ten programada a apertura de novas visitas ao interior do antigo convento de Santa Clara. Unha nova oportunidade de coñecer un dos espazos máis singulares cos que conta agora a cidade, trala adquisición pública por parte do Concello destas dependencias.

O responsábel da concellaría, Xaquín Moreda, lembra que Santa Clara poderá ser visitado ao longo de todas as fines de semana de marzo, cada sábado e cada domingo, a través de catro visitas diarias, o que suporá que máis de 600 persoas distintas poidan coñecer en primeira persoa o lugar e os seus segredos da man dunha guía profesional e un asistente.

As inscrición, igual que para o mes de febreiro, deben ser formalizadas a través da web oficial deste espazo municipal, www.santaclarapontevedra.gal. A partir das 17:00 horas deste venres, 18 de febreiro, a ligazón para as reservas será activada. Paga a pena lembrar que se recomenda certa présa na reserva, pois a pasada vez as reservas voaron en menos de 20 minutos.

Que poderá visitar todo aquel que entre polas portas de Santa Clara? Por suposto, as zonas exteriores do xardín e os claustros, mais tamén todos os corredores e estancias internas: os locutorios, o arquivo, a igrexa, as zonas de traballo, a sala capitular, a cociña, as celas, o comedor, etcétera.

Se ben, polo momento, esta é a única forma de visitar o antigo convento, o Concello de Pontevedra continúa traballando nun programa de ocio e cultura que involucra este espazo e que xa deu os seus primeiros froitos, como a celebración hai apenas unha semana dun evento da man de Urbtopías en relación coa visita do consello da Placemaking Europe á cidade de Pontevedra.

Pola súa banda, o edil de Patrimonio Histórico indicou no seu día que sería posíbel programar máis visitas namentres exista unha demanda real por coñecer Santa Clara, coa idea de que toda a veciñanza da Boa Vila poida achegarse até o seu interior.

Está pasando!