Convento de Santa Clara | © Atlantis Comunicación

As reservas presenciais para Santa Clara destinadas a maiores de 65 anos abrirán este xoves ás 10 horas en Churruchaos

29 Marzo 2022

  • O obxectivo deste tipo de inscrición permitirá esquivar a fenda dixital derivada das reservas en liña como única opción para coñecer o antigo convento
  • As persoas inscritas nestas visitas percorrerán en quendas o novo espazo municipal os vindeiros 7 e 8 de abril, en horario de mañá e tarde

Santa Clara segue a recibir visitas a cada semana que pasa. Perante a posibilidade de que algunhas persoas tivesen problemas de cara a reservar a través da rede as súas prazas para as visitas guiadas, o Concello de Pontevedra tomou a decisión de facilitar unha inscrición presencial para persoas de máis de 65 anos con dificultade á hora de usar as novas tecnoloxías.

Así, o vindeiro xoves, 31 de marzo, o edificio municipal de Churruchaos servirá de punto de inscrición para realizar unha reserva de xeito presencial, sen pasar polo ordenador. Unha nova oportunidade para coñecer Santa Clara, que abrirá as súas portas tamén entre o 7 o 8 de abril, días nos que se realizarán estas visitas especiais e a maiores, fóra das habituais da fin de semana.

As prazas son limitadas e a inscrición será realizada en rigorosa orde de chegada. Cada solicitante poderá reservar unha praza a maiores da súa —que deberá tamén ter máis de 65 anos—. A inscrición permanecerá aberta entre as 10 e as 14 horas, ou até esgotar as prazas.

Doutra banda, as visitas de abril seguirán o programa establecido e xa están todas as reservas esgotadas para as mesmas. Ao longo das fins de semana haberá catro quendas por día —sábado e domingo— e tamén ao longo dos sete días da Semana Santa —do luns 11 ao venres 15—, sumando un total de nove días seguidos con percorridos polo interior do antigo convento. Deste xeito, en abril está estimado que pasen por Santa Clara a través das visitas programadas polo Concello de Pontevedra máis de 1.400 persoas, mantendo o compromiso inicial de que, namentres exista interese, serán realizados todos os esforzos posíbeis para que o novo espazo municipal poida ser visitado e gozado pola veciñanza pontevedresa.


Está pasando!