As Tareixas | Concello de Redondela

As Tareixas presentan en Redondela o disco “Santo Mandil” na programación cultural de verán

16 Xullo 2025

A praza da Torre acolle este venres ás 18.00 horas a presentación do primeiro disco do grupo redondelán As Tareixas.

Omara, Román e o seu pai, José Manuel, que tocan e cantan “desde sempre” compoñen este grupo familiar. O seu tema “A cadeira da avoa” deunos a coñecer en todo o país logo de gañar con el o segundo premio á Mellor Canción Infantil no concurso “Quero cantar” da Deputación da Coruña.

Desde o verán pasado fan concertos por toda Galicia, e veñen de publicar o disco “Santo mandil”. O disco recibe o nome dun dos temas, no que se fai un recoñecemento aos nenos e nenas polo moito traballo que fan todo ao longo do ano. En xeral, todos os temas están inspirados no universo dos máis pequenos: na casa, na escola, as súas relacións familiares ou coa contorna natural.

A presentación en Redondela será unha cita “moi especial”, segundo advirten desde o grupo, xa que ao xogar na casa, contarán con colaboradores locais de todo tipo, “amigos da familia e xente que apreciamos e que nos apetecía que compartise esta ocasión tan especial con nós”, explican As Tareixas.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, pon en valor a aposta do Concello de Redondela polos grupos locais e a música feita en galego “e esta agrupación familiar é un excelente exemplo dos artistas de gran calidade dos que podemos presumir en Redondela”.

A programación cultural de verán do Concello de Redondela continuará con máis concertos na fin de semana. O rock chegará da man de Chocolate Sexy o 19 de xullo á praza da Torre a partir das 22.00 horas. E o domingo, 20 de xullo, a Orquestra de Saxos actuará na praia de Cesantes ás 20.00 horas.

Todas as actuacións son de balde.

Está pasando!