As Veteranas do Entroido de Cobres | Concello de Vilaboa

As Veteranas, a alternativa para as mulleres de Cobres que non desfrutaron do Entroido de mozas

25 Febreiro 2025

Moitas veciñas de Cobres viviron a festa como espectadoras debido ao elevado coste dos traxes de madamas, personaxe vetado tradicionalmente para casadas


O Entroido de Cobres non entende de idades. A presentación que este sábado percorreu os barrios de Vilaboa deixou claro que hai canteira, que son decenas as nenas e nenos ansiosas por tomar o relevo e transformarse en madamas e galáns, lucir os seus maxestuosos sombreiros e danzar sen dosificar enerxía.

I é que ainda que hoxe é habitual que as rapaciñas luzan vistosos sombreiros, a tradición situaba nos 15 anos o momento en que unha moza podía engalanarse dos pes á cabeza, sombreiro incluído. E so podía facelo ata que botaba mozo. Porque o Entroido de Cobres, e as súas danzas, tiñan na súa orixe o obxectivo de crear o ambiente idóneo para mocear. Tras logralo, continuar xa non estaba permitido.

Foron moitas as mozas de Cobres que nos últimos 50 anos quedaron con ganas de Entroido. E silenciadas polas normas dunha sociedade rural impasible asumiron o papel de espectadoras dunha festa da que quixeran ser protagonistas.

Así foi como hai 13 anos xurdiron as Veteranas do Entroido de Cobres, un grupo maioritariamente feminino ainda que con algunha presenza masculina, que se xunta para ensaiar, que se interesa por recuperar vellas melodías e que sube ao escenario de Riomaior cada domingo e martes de entroido, “os días que máis xente ven á festa”.


As Veteranas do Entroido de Cobres | Concello de Vilaboa

Elas son exemplo do terreo gañado polas mulleres nas últimas décadas. “Cando empezamos fomos moi criticadas. Decían de nós que eramos un feixe de mulleres casadas e sen sentido. Agora esto xa está normalizado”, apunta Luisa Poceiro que recorda que antes “unha muller casada non podía ser madama”. Con todo, recoñecen que foi un home, Gonzalo Garrido, quen as animou a dar este paso e as puxo en contacto con Laureano e Maruja, dúas persoas de Cobres que as axudaron a recuperar unha antiga danza, a das espadas; unha das singularidades do Entroido de Cobres.

Escolleron unha vestimenta discreta, nada comparable a das madamas. “Vamos como as antigas aldeanas, sen sombreiro e sen pectoril, apenas levamos xoias”, sinala Beti del Río, que asegura tamén que as Veteranas son unha alternativa clara para quenes non desfrutaron do entroido na súa mocidade.

Recoñece que no seu caso a realidade familiar dificultaba a confección dun traxe de madama. “Eramos tres irmáns e na casa era impensable poder ir de madamas. Miña avoa mercabanos un disfraz e íbamos pero non de gala”.

Si hoxe un traxe de madama pode rondar os 3.000 euros entre o coste do sombreiro, do pectoril e das distintas prendas, o seu custe económico hai unhas décadas non era moi inferior. “Había prioridades e ser madama ou galán non estaba ao alcance de moitas familias”.

Así que Beti del Río teno claro: “As Veteranas son unha alternativa para quenes de novas non desfrutamos do Entroido”. E no grupo, no que a diversión está garantizada, comparten paixón polo ambiente festivo destas datas mulleres cos 30 recén cumpridos con outras que xa superaron a barreira dos 60.

A muller, que de sempre tivo un papel protagonista no Entroido de Cobres, reforzouse na última edición asumindo unha personaxe tradicionalmente masculina. Leti da Taberna, popular creadora de contido en galego, encargouse da parte satírica da festa e este ano repetirá dando vida á mesma figura.

Está pasando!