Elfos de Nadal en Poio | Concello de Poio

A programación do Nadal en Poio continúa coas prebadaladas, a San Silvestre, o tardeo e moita animación nas Aldeas de Nadal

29 Decembro 2025

  • As actuacións, xogos e obradoiros continúan tamén na carpa Poio Máxico, na Seca co musical internacional de Pica Pica e o espectáculo teatral da “Pirata Lola”.
  • O Concerto de Corais no Mosteiro de Poio e a actuación de Máis Cantos de Reis nos xardíns do Pazo Besada completan a programación esta semana.

A extensa programación do Nadal en Poio continúa avanzando con éxito de público e participación, tanto nas sete Aldeas repartidas polos lugares máis emblemáticos do municipio como na carpa Poio Máxico, situada na Seca.

Esta semana Os Elfos do Nadal continúan percorrendo o municipio con paradas nas aldeas de Lourido (hoxe, a partir das 17.30 horas), en Combarro (mércores 31, ás 17.30 horas) e Samieira (venres 2, ás 17.30 horas). En todas elas, Tere e Javi Solla serán os encargados de animar a tarde con moita música, baile, xogos e animación, acompañados dos 100Tolos e do Grupo de Entroido Samieira.

Mañá martes, día 30, San Martiño será escenario da despedida adiantada do ano (a partir das 21.00 horas). Veciñanza e visitantes achegaranse ata a Aldea das Badaladas para despedir por todo o alto o ano con uvas, as badaladas, cotillón e moita música.

Xa o mércores 31, día de fin de ano, os puntos de encontro serán Campelo, A Seca e Combarro. A partir das 17.00 horas celebrarase a II San Silvestre Concello de Poio, coa participación de 200 persoas.

Organizada entre o Concello de Poio e o Club de Atletismo Illa de Tambo, coa colaboración da AV de Campelo, é unha carreira pensada para desfrutar en familia, coas amizades e coa veciñanza, despedindo o ano de maneira activa e divertida.

Ademais do apartado deportivo, a xornada contará con sorteos, agasallos e unha chocolatada final.

Estableceranse premios para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina, así como para o adulto e menor mellor caracterizados con accesorios e disfraces de Nadal.

A proba contará con dous percorridos: para o público adulto, celebrarase unha carreira cunha distancia aproximada de tres quilómetros, con saída ás 16:30 horas desde Campelo e chegada na Seca e, unha vez rematada, organizaranse na Seca tres circuítos infantís adaptados ás diferentes idades das crianzas inscritas.

Tamén en Combarro prevese unha intensa xornada festiva o día de fin de ano. Comezará coa animación de Tere e Javi Solla na Praza da Chousa a partir das 17.30 horas, para dar paso ao tardeo e festa de NoiteVella organizada pola AC Leucoíña con música, baile e moita diversión para despedir 2025 (a partir das 19.00 horas).

Pero non son as únicas propostas do Nadal en Poio para esta semana. A programación complétase co tradicional Concerto de Corais de Aninovo no Mosteiro de Poio, coas corais de Poio, Virxe de Fátima e Virxe da Renda (venres 2, ás 20.00 horas) e a actuación de “Máis Cantos de Reis” nos xardíns do Pazo Besada (sábado 3, ás 20.00 horas).

Na carpa Poio Máxico, na Seca, continúan tamén as tardes de obradoiros, xogos e atraccións, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Trátase dun espazo lúdico gratuíto con propostas para toda a familia, con zonas adaptadas para todas as idades, sala de lactancia, inchables, futbolín e outras propostas.

Esta semana acollerá o espectáculo teatral da “Pirata Lola” e o musica internacional “Navidad Total” con Pica Pica.

A escritora pontevedresa, María Carrera, presenta o seu espectáculo teatral ‘A Pirata Lola’, baseado no conto que ela mesma escribiu. Unha aventura musical chea de maxia, humor e cancións para gozar en familia (sábado, 3, ás 18.00 horas).

Pola súa banda, o coñecido grupo infantil Pica Pica fará parada en Poio durante a súa xira de Nadal o domingo 4 de xaneiro (18.00 horas). Coincidindo coa saída do seu novo álbum dixital, “Navidad Total”, o público poderá gozar en familia dos seus divertidos vilancicos —incluídas cancións de recente estrea e grandes éxitos— nun espectáculo pensado para rir, bailar e compartir momentos inesquecibles.

Todas as actuacións do Nadal en Poio son gratuítas.

Está pasando!