Baiona prepara un amplo programa de actividades para este verán

3 Xullo 2023

O pasado xoves 1 de xullo, deu comezo o Programa Cultural Baiverán 2023 promovido polo Concello de Baiona. Ao longo de catro meses programouse máis dun centenar de actividades durante todos os días. O Concello de Baiona deseñou un programa de actividades para todos os públicos, para todas as idades da familia.

A axenda de 2023, Baiverán, foi presentada no Concello de Baiona pola Concelleira de Festexos, Ruth Álvarez González, e o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, no acto tamén interveu o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresario de Baiona (ACEBA) Marcos Comesaña.

Un das principais novidades desta edición 2023 é o festival organizado para os máis pequenos e pequenas do municipio. Baixo o título de “Peque Fest”, o mércores 9 de agosto, os máis peques da familia poderán gozar na praza do concello de 17:00 a 20:00 horas de pintacaras e inchables. Ás 20:00 horas terá lugar o espectáculo de maxia infantil de Yago Barra.

Tamén se organizou o día 23 de agosto o “Día da Mocidade” baixo o nome de “Xuventude Fest”. A praza do concello acollerá as actuacións de Ganjahr Family, Dj Diego Mariño e DJ Yaggo, a partir das 20:00 horas.

Outra das grandes novidades da programación será a programación deseñada como peche do mes de agosto: É o Festival Peregrino: encontro no camiño, pensado para potenciar o Camiño Portugués da Costa entre a veciñanza, peregrinos e visitantes. Así, Peregrinarche, trátase de actividades infantís na Praza do Concello de 12:00 a 19:30 horas (necesaria inscrición previa na oficina de turismo).

Ás 22:00 horas terán lugar as actuacións estelares no Parque de “A Palma” de Pepo Suevos, Manuel Manuiña e Pili Pampín, todas elas forman parte do espectáculo “Camiñantes e Cantantes. 30 Anos do Camiño coa Ocaband”. Pechará o festival o Bruxo Queiman co espectáculo “Queiman Folki” ás 24:00 horas. Terá lugar o 31 de agosto.



O “Baiverán 2023” inclúe máis dun centenar de actividades: concertos e actuacións musicais, monólogos, espectáculos familiares, conferencias, charlas, festas populares, feira de actividades e coleccionismo; actividades populares realizadas polos distintos colectivos e asociacións baionesas e tamén do Val Miñor. Cinema ao aire libre, así como o Ciclo Mestre Mateo que levará as proxeccións das longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual galego ao Multiusos Mercado de Sabarís os luns. A pintura tamén terá o seu espazo no Multiusos, xa que se programaron 9 exposicións neste espazo. O ciclo de conferencias “O Falar das Pedras” organizado polo Arquivo Histórico e a Biblioteca Pública Municipal de Baiona tamén levará a cabo neste espazo.

“O noso obxectivo principal é brindar tanto á veciñanza, as persoas visitantes, como aos turistas, a oportunidade de gozar dun verán excepcional nun lugar que se distingue pola súa excelencia turística nas Rías Baixas. Queremos que todas as persoas visitantes podan mergullárse na rica cultura e tradicións do noso municipio, e para logralo, preparamos un programa diverso. O Baiverán presenta unha ampla gama de actividades culturais para todos os gustos e nutrimos dita programación co noso talento e artistas locais. Tamén cos colectivos e o talento das nosas cinco parroquias. Tamén pretendemos que esta oferta complementaria teña un importante impacto económico tanto para a hostalería como para o comercio local. Buscamos impulsar así a economía local e crear novas oportunidades de negocio”, conclúe o rexedor.


Está pasando!