Presentación da 1ª Romaría ‘Lombos da Ulla’ | © Concello de Vilagarcía

Bamio reivindica cunha romaría popular o coidado paisaxístico e medioambiental dos Lombos do Ulla

23 Xullo 2024

  • A Asociación Cultural Galicia Fermosa promove a 1ª Romaría ‘Lombos da Ulla’, unha iniciativa lúdica e reivindicativa que se desenvolverá o sábado 27 de xullo na privilexiada contorna da praia do Campanario, en Bamio
  • Unha festa popular aberta á participación de todo o mundo e que, con música e alegría, nace co obxectivo de poñer en valor Bamio, concienciar contras as agresións medioambientais que sofren os Lombos do Ulla e reivindicar a protección e coidado deste fermoso e produtivo paraxe
  • A celebración conta coa colaboración das Mulleres Rurais de Bamio e do Concello de Vilagarcía

A presentación da 1ª Romaría ‘Lombos da Ulla’ levouse a cabo este luns no consistorio coa presenza dos representantes da Asociación Cultural Galicia Fermosa que a impulsan, e cantando, coa alegría que queren que transmita a festa.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, destacou que se trate dunha proposta que xurde da propia veciñanza “porque é moi importante que a cultura a impulsen os propios veciños, e non sexan simples espectadores dela”. E tamén aplaudiu que a cultura e a festa sirvan como actos reivindicativos, “porque tamén se pode reivindicar con alegría”.



A romaría comezará a mediodía e contará coa actuación de varios grupos de música tradicional e tamén moderna, a maioría de Bamio, pero tamén da outra beira do Ulla. Son A Queimada (de Leiro), Mar de Arousa, Aires do Río Vello, Deby Silva, o dúo de Clara Pino&Pablo Vidal, a banda liderada por Josito Porto, Factoría de Subsistencia e o grupo vocal Galicia Fermosa. Os organizadores prometen algunha que outra sorpresa como a interpretación musical dun poema composto para a ocasión por Alberto Avendaño.

A romaría celebrarase a antiga usanza. Os participantes levarán o xantar da casa e almorzarán ao aire libre na praia do Campanario, compartindo música, bailes e diversión.

Está pasando!