Boyanka Kostova exhibe o seu flow en ‘A feira das mentiras’

13 Abril 2023

‘A feira das mentiras’ é o segundo adianto do novo álbum de Boyanka Kostova, o dúo santiagués formado por Cibrán García e O Chicho do Funk -Ortiga-; os pioneiros do trap galego. Chega tras a publicación, apenas hai un mes, de ‘ORDOÑO’, e ambos os temas son unha declaración de intencións de todo o que está por vir; que será ademais o seu primeiro traballo publicado baixo o selo de Ernie Records.

 «O meu rap é unha bala directa cara o teu peito /
O beat este deixoume toda a noite a papar teito /
Algo ó que non estou afeito /
Eu sei que non coñeces un rapaz con tanto xeito»

 En ‘A feira das mentiras’, Boyanka Kostova é puro hip-hop; cunha melodía inicial que nos toma da man e vainos guiando pola canción ata que a base rompe; entón, chega a rima: «porque en Galicia nós somos a calidade / e Boyanka patrimonio cultural da humanidade», sentencian.


Fotograma do videoclip dirixido por Álvaro Alvite

Pegadiza, cunha métrica coidada e afinada, ‘A feira das mentiras’ supón un salto de calidade para o dúo galego responsable do maior crossover do trap en España. Tras xogar e experimentar anteriormente con todos os sons e xéneros -funk, muiñeira, música urbana, electrónica, trap…-, en ‘A feira das mentiras’ apostan por un rap elaborado e de calidade no que non faltan numerosas referencias.

«Logo sempre volvo a ti, que lle den ós demais /
Vou deixar de rapear porque xa son o seu pai /
E de dar tantas palizas xa non me parece guai /
Vou regresar ao futuro como Marty McFly» 


Fotograma do videoclip dirixido por Álvaro Alvite

Non faltan no tema as chiscadelas a Compostela. É máis, ‘A feira das mentiras’ conta cun videoclip desenvolvido por Álvaro Alvite no que percorremos, durante a noite e xunto a Boyanka Kostova, escenarios moi recoñecidos de Santiago.

‘A feira das mentiras’ é a reiteración de que a versatilidade de Boyanka Kostova non ten límites. A confirmación de que o dúo santiagués ha traballado no novo álbum baixo a máxima da diversión, coa enerxía de permitirse fluír para experimentar e seguir crecendo. Unha diversión tan palpable nos seus adiantos, como contaxiosa. ‘A feira das mentiras’ é outro tema de Boyanka Kostova capaz de hipnotizar, e só queda deixarse arrastrar.

 ESCOITA ‘A FEIRA DAS MENTIRAS’ 

PRÓXIMAS DATAS

  • 15/04 · PONTEVEDRA (Arte e Parte)
  • 22/04 · A CORUÑA (IsTmo Fest)
  • 29/04 · ORDES (Festa do Champiñón)
  • 22/09 · VIGO (TerraCeo)
Está pasando!