Boyanka Kostova unen forzas e presentan ‘Pola Costa Remix’

13 Xullo 2023

Boyanka Kostova non para. O dúo santiagués formado por Cibrán García e O Chicho do Funk xúntase con Dios Ke Te Crew, High Paw, JaguarOne (ex-Juanito Broders) e DJ Mil para reversionar o tema máis axeitado para afrontar o verán que comeza.


Apenas un mes despois do exitoso lanzamento do seu novo disco, ‘Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados’ -o seu 5º álbum en apenas 7 anos-, volven á carga. E fano con todo o equipo. High Paw, Dios Ke Te Crew, JaguarOne (ex-Juanito Broders) e Dj Mil únense a Boyanka Kostova e presentan ‘Pola Costa Remix’.



  Escoita “Pola Costa Remix”  


‘Pola Costa’ é un tema co que o público xa toleaba nos concertos. Agora sobre esta base de RAP bailable, fresco e inspirado no G-Funk, outras figuras da escena do Rap galego dan a súa propia visión do tema… 

Dios Ke te Crew, os grandes referentes cos que xa é habitual ver colaborando con Boyanka; High Paw, á que xa vimos xunto a Chicho (Ortiga) no seu “Poiro EP” conxunto; DJ Mil, referente da escea e colaborador en “Vexeta”; e JaguarONe (ex-Juanito Broders), o emblemático MC picheleiro que levaba un tempo fóra da escea.  ‘Pola Costa Remix’ soa a pasalo ben, soa a verán e por fin poderá gozarse máis aló do directo; chegou o seu momento. 



O traballo desenvolvido en ‘Pola Costa Remix’ complétase cun videoclip obra de Álvaro Alvite -@alvitepeillet-. Xogando coa estética retro, High Paw, Dios Ke Te Crew, JaguarOne (ex-Juanito Broders), Dj Mil, Tini Templado, Mauro e Boyanka Kostova divírtense cantando a cámara en diversos escenarios na costa de Muxía e do barco de Cangas.

‘Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados’ confirmou hai apenas unhas semanas o bo momento que atravesa Boyanka Kostova. Agora, ‘Pola Costa Remix’ vén deixar constancia de que isto non para, de que nada lles detén. Queren máis e traballan en compartilo canto antes. E así, con eles, divertímonos todxs.


PRÓXIMAS DATAS

14-15/07 • ESTEIRO (Música na Noite)
02/09 • RIBADEO (Xara Fest)
22/09 • VIGO (TerraCeo)

Está pasando!