A formación olívica Broken Peach presenta o seu novo single orixinal ‘Pero si tú’

6 Outubro 2023

Cando se achegan estas datas outonais, todo o mundo está pendente da sorpresa ‘Halloweenesca’ á que nos teñen afeitos Broken Peach todos os anos en forma de vídeo, pois ben… para amenizarnos a espera nesta ocasión, a popular banda viguesa optou por adiantarnos esta pequena obra de arte.

‘Pero si tú’ é o nome desta emocionante balada que se sae do rexistro habitual da banda, ben coñecidos por manexar un repertorio potente, enérxico e vándalo. Chega tras os tres primeiros adiantos do seu inminente primeiro disco: ‘Hay que gritar’, ‘Sin Piedad’ e ‘Quién dirá que no’.



Rodado dacabalo entre o Concello de Allariz (Museo do Muíño) e a parroquia de Atios (en Porriño), os membros de Broken Peach aparecen nesta ocasión caracterizados de marionetas manexadas por un misterioso “hacedor”.

Unha vez máis, a través dos seus vídeos, Broken Peach propuxéronse exportar a imaxe de Galicia por todo o mundo, para deleite dos seus miles de seguidores. Sen ir máis lonxe, leste mesmo verán estiveron novamente en Frankfurt representando a Galicia e España nun dos maiores festivais do mundo: o ‘Museumsuferfest’ (festival dos museos), deixando o pavillón galego por todo o alto.

O videoclip, publicado hai apenas dúas semanas na súa canle de youtube, conta xa con máis de 200 mil visualizacións de ambas as versións en castelán e inglés (‘I miss you’), algo habitual na banda. Todo un fito.



A BANDA

Broken Peach é unha banda viguesa de Rock&Soul fundada en 2010. Tras 13 anos de existencia visitaron todo tipo de escenarios: desde concertos privados, ata festivais nacionais e internacionais, pasando por estudios de televisión ou eventos deportivos.

A súa canle de Youtube conta con máis de 255.000 subscritores e 52 millóns de visualizacións en total (son posuidores do famoso botón de prata que a plataforma outorga aos seus creadores máis exitosos).

Entre todas as súas redes sociais suman case medio millón de seguidores: Facebook, Instagram, Tik tok e X (Twitter). A súa estética grupal e extravagante adoita ser a “marca da casa” que os caracteriza.


Está pasando!