Rolda de prensa no IES Johan Carballeira | © Concello de Bueu

Bueu acolle este sábado o I Festival Artístico Solidario ‘Art for change’

28 Abril 2022

  • O evento, promovido polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu, insírese no proxecto educativo Twinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO) e ensamblará a ciencia coa arte
  • As actividades estenderanse entre as 11 e as 20 horas en diversos espazos do casco urbano, con epicentro na céntrica Praza Massó

A vila de Bueu vivirá este sábado, 30 de abril, un día ateigado de ciencia e arte, pois o IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu promoven o I Festival Artístico Solidario ‘Art for Change’. Ao longo de toda a xornada estenderanse as actividades a través das cales se achegará a ciencia e a arte aos diversos sectores da cidadanía, cunha especial atención á reivindicación da visibilidade das mulleres.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino participaron na rolda de prensa celebrada hoxe na biblioteca do centro. Nela, o rexedor destacou que “para nós é un orgullo seguir apoiando este evento, pois cremos que é importante que o que se fai nos centros educativos ao longo de todo o ano se poida visibilizar para o conxunto da sociedade”. Pola súa banda, Asun Sóñora, directora do IES Johan Carballeira, lembrou que o proxecto ten como antecedente a feira da ciencia e da literatura, que naceu hai catro anos e que demostrou “que a comunidade educativa, social e o Concello se uniu para traballar conxuntamente e construír esta festa de todo Bueu, coa que continuamos agora, despois de dous anos da pandemia”.

Segundo explicaron os e as representantes do alumnado e do profesorado organizador, esta iniciativa insírese no marco do proxecto educativo Twinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO), e pretende ser un escaparate destes dous eidos, o científico e o das artes. As persoas asistentes poderán visitar a carpa da céntrica Praza Massó onde se situarán diversos postos nos que o alumnado ensinará experimentos e ofrecerá xogos co obxectivo de achegar o coñecemento dunha forma lúdica. Así, na carpa colocaranse doce mesas con distintas temáticas xestionadas polo alumnado de todos os centros educativos e que versarán sobre proxectos multidisciplinares: “Marenostrum”, “Mar e Arte”, “Produtos mariños”, “Netas de bruxas, novos residuos… novas solucións”, “Concienciación ambiental”, “Etwinning”, “Art For Change”, “Impresora 3D”, “A nosa vila”, “Arte-Mate-Mar”  e “Respiro2”.  Ademais, tamén estarán dispoñibles varias exposicións noutros espazos municipais do casco urbano como a Sala Amalia Domínguez Búa, na que haberá unha mostra fotográfica de mulleres vinculadas ao mar, á que se sumarán outra sobre lingua galega e matemáticas na Praza de Abastos, e de plástica na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, e que tamén se poderán visitar ao longo de toda a xornada. Así mesmo, e como a iniciativa abrangue varios polos, ao ese día algunhas librarías da vila terán dispoñibles pequenas exposicións, e a hostalaría local lucirá un mantel deseñado para a ocasión.

A apertura oficial do festival terá lugar o sábado ás 12 horas xunto á fonte cibernética da Praza Massó, e ás 12.30 horas está prevista unha quedada musical con lingua de signos no mesmo espazo. Iso si, dende a primeira hora da mañá nos exteriores do Centro Social do Mar comezarase coa elaboración dunha alfombra floral deseñada e elaborada integramente polo alumnado e con temática mariñeira. A poeta bueuesa Míriam Ferradáns ofrecerá, despois, ás 13 horas un recital poético, ao que seguirá un micro aberto de música, no que poderán cantar e tocas as persoas que o desexen. Xa pola tarde, ás 16 horas presentarase o proxecto “Wscientifics”, e a continuación actuarán “As mosas do Hío”. O Museo Massó ofrecerá, así mesmo, dous obradoiros para a cativada: “O canto das baleas”, dirixido a nenos e nenas de 4 a 6 anos, e “A Balea”, para os de 6 a 10 anos, ambos con inscrición previa no teléfono 886151101 ou no enderezo electrónico museo.masso@xunta.gal. O evento rematará cunha serie de concertos no exterior do Centro Social do Mar, a cargo dos grupos Napalm, Dianho, Peis D’Hos e alumnado do IES Frei Martín Sarmiento.

Co mar como eixo central, o obxectivo é que a arte e a ciencia estean nas rúas, fomentando a creatividade do alumnado. O evento contará cunha parte solidaria, pois Art For Change nace cun gran obxectivo:  apadriñar unha balea. Segundo explican dende o centro, isto significa moito máis que poñer un nome, o apadriñamento é unha forma simbólica de colaborar cos proxectos de investigación e formación que contribúen á ampliación do coñecemento sobre a conservación da biodiversidade mariña. Así pois, o beneficio obtido repartirase entre BDRI, un centro de investigación do medio mariño, dedicado ao estudo e á conservación da biodiversidade mariña e a ONG Pallasos sen fronteiras – Peter Punk. Así mesmo, segundo apuntou Noelia Lamosa, vice diretora do centro, o festival tamén pretende ser un chanzo á inclusión, e de aí que se dea visibilidade á lingua de signos, á diversidade funcional, e á sinalización de certos espazos a través de pictogramas.

Dende o IES Johán Carballeira convidouse aos centros do municipio e da contorna, e a diversos colectivos sociais, que tamén participaron na rolda de prensa deste xoves.

PROGRAMA COMPLETO

Está pasando!