Bueu acollerá un Samaín terrorífico con actividades diversas para a cativada

29 Outubro 2023

O programa, que se celebra o 31 de outubro na carpa do aparcadoiro de As Lagoas, haberá teatro, obradoiros, contacontos, zumba e unha xincana


Debido ao éxito da pasada edición, este ano as asociacións de nais e pais do CEIP A Pedra e do CPR Virxe Milagrosa, a Asociación Juan XXIII, o Club de Atletismo Galaicas e Superhéroes do Morrazo, coa colaboración do Concello de Bueu e a Xunta de Galicia, volverán organizar o 31 de outubro unha xornada dedicada á celebración do Samaín, que terá lugar no aparcadoiro de As Lagoas con xogos e actividades diversas para a cativada e as persoas adultas.

Este venres presentouse o evento en rolda de prensa na contorna de As Lagoas, un acto no que estiveron presentes Carmen García, concelleira de cultura de Bueu, e algunhas persoas representantes da organización.

A carpa do aparcadoiro de As Lagoas será o epicentro de todas actividades organizadas o próximo martes a partir das cinco da tarde co medo e o terror como leitmotivs. O programa abrirase coa mostra da alfombra elaborada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores para a ocasión, e a continuación, ás 17.30 horas, haberá dúas actividades: unha ximcana do terror a cargo da Asociación Juan XXIII e do Club de Atletismo Galaicas; e tamén unha sesión de contacontos terroríficos a cargo de Marc Taeger e Olaia González. Ás 18 horas representarase a obra de teatro “O tesouro de Carmiña”, pertencente á escola Rosi Figueroa; ás 18.30 horas, Sole Sampedro impartirá unha clase de Zumba Zombie; ás 19 horas, Míriam Ferradáns deleitará ás persoas asistentes cun contacontos de medo; e para rematar, a cociñeira Cristina Millán ofrecerá un taller culinario titulado “Cociña sen medo”.

Dende a organización inciden en que as persoas que desexen participar no percorrido deberán levar calzado cómodo e ter paciencia na fila de participación xa que se prevé unha gran acollida.

Samaín en Beluso

O Samaín tamén se celebrará na parroquia de Beluso. A Asociación Amodiño organiza este domingo, 29 de outubro, unha festa celebrará de 17 a 20 horas na Casa do Pobo e na que haberá desfile de disfraces terroríficos, xogos en familia sorteos.

As inscricións deberán facerse no teléfono 644 150 884.


Está pasando!