Bueu e Sanxenxo acollen dúas xornadas informativas sobre as axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra

9 Febreiro 2024

Con motivo da apertura dunha nova convocatoria de axudas ao amparo do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra está a organizar unha batería de xornadas informativas.

Cun financiamento do 70% por parte do FEMPA e do 30% por parte da Consellería do Mar, esta convocatoria, dotada con máis de dous millóns de euros para o territorio do GALP, representa unha oportunidade única para promover iniciativas que aseguren a sustentabilidade ambiental e o cumprimento da política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión Europea na nosa rexión.

Tralas sesións celebradas en Marín, Meaño e Poio, Bueu acollerá outra das xornadas informativas o vindeiro mércores, 14 de febreiro, ás 11:00 horas no Centro Social do Mar (R/ de Montero Ríos). Ao día seguinte, o xoves, terá lugar o outro taller, o derradeiro desta convocatoria, en Sanxenxo ás 17:00 horas na Antiga sala de poxa da Lonxa de Portonovo (R/ Rafael Pico 1).

De entra a libre e abertas a empresarios/as, asociacións e entidades do sector pesqueiro, así como ao público en xeral, as xornadas teñen como obxectivo detallar as bases da convocatoria e ofrecer orientación sobre o proceso de solicitude.

O prazo de presentación de proxectos esténdese ata o 29 de febreiro.

Para máis información e inscricións, pódese contactar co GALP Ría de Pontevedra no teléfono 886 213 015 ou mediante o correo electrónico a gacpontevedra@gmail.com.


Está pasando!