Bueu presenta o I Polbo Fest, a verdadeira Festa do Polbo con The Resacas e DJ Michi

13 Maio 2025

O Concello de Bueu está preparando unha gran festa para o venres 16 de maio. A partir das 22.00 horas, na carpa da Praza Massó, o I Polbo Fest, con música de The Resacas e DJ Michi e barra con venda de bebidas.

Esta actividade insírese no marco das II Xornadas de Exaltación do Polbo de Bueu, que se estenderán durante este mes de maio e que poñerán en valor o polbo da vila. Nelas haberá promoción dos pratos elaborados con este cefalópodo en vinte e un locais hostaleiros a través dos que se pretende mostrar que o polbo é un produto moi versátil e que se prepara de moitas e variadas formas.

Ademais, tamén haberá actuacións musicais, exposición de fotos antigas, decoración de espazos e rúas municipais, rutas guiadas e un concurso de decoración. Segundo Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, “a nosa idea é seguir traballando na posta en valor deste cefalópodo e instaurar Bueu como capital do polbo”.

As xornadas celebran este ano a segunda edición e fano por todo o alto, cunha decoración especial en diversos espazos municipais como a Sala Amalia Domínguez Búa, a Casa do Concello e a rúa Eduardo Vincenti, nos que lucirán diversos elementos mariñeiros.

Ademais, amplíase a programación para dar a coñecer a historia da captura do polbo. Así, a Sala Amalia Domínguez Búa acollerá unha exposición de fotos antigas cedidas para a ocasión dos arquivos de Arturo Sánchez Cidrás, a Asociación Cultural Santos Reis, Álvaro Agulla e Afonso Fernández.

Seguindo coa historia e os espazos do polbo, o 10 e o 24 de maio desenvolveranse as rutas guiadas “Bueu e o polbo”, para as que se necesita inscrición previa de balde no formulario web, chamando ao teléfono 986390029 (ext. 2) ou no 2º andar da Casa do Concello de forma presencial.

Nas fins de semana están programadas diversas actuacións musicais polas rúas dos establecementos de Bueu. Así, 10 de maio actuará a Charanga Jaláticos, o 11 a Charanga Vakpinta, o 17, a Charanga Noroeste, o 18, a Charanga OT, e o 25, a Charanga Mil9.

I Concurso de Decoración polo ‘Mes do polbo’

O Concello de Bueu convoca o I Concurso de Decoración polo “Mes do Polbo”, unha proposta que pretende dinamizar a vila durante maio e que coincidirá coas II Xornadas de Exaltación do Polbo. Os obxectivos son promover a participación na decoración da vila durante ese mes a través da ornamentación de vivendas, balcóns, rúas, prazas ou escaparates comerciais, ademais de fomentar a creación artística e a colaboración veciñal. Así mesmo, con el tamén se dinamizará o comercio local, pois repartiranse 1.250 euros en bonos comercio segundo as diversas categorías.

O prazo para a participación estenderase ata o 30 de maio, e estableceranse varios premios divididos en tres categorías. Así, haberá unha categoría individual, na que estarán incluídas as fachadas de vivendas individuais, balcóns, fiestras ou xardíns, con premios de 150, 100 e 50 euros en bonos comercio; outra categoría colectiva para asociacións e comunidades veciñais, na que poderán participar fachadas de edificios, espazos como rúas, prazas e locais, con premios de 200, 150 e 100 euros; e a última, de escaparates comerciais e hostalaría, na que se incluirán os escaparates exteriores de establecementos e hostalaría, e cuxos premios serán de 250, 150 e 100 euros.

Todos eses premios serán para comprar no comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo na vila.

A decoración utilizada terá que ver con motivos mariñeiros e do polbo, con liberdade na técnica empregada e expostas en Bueu. As persoas ou entidades que desexen inscribirse deberán enviar un correo electrónico a silvia@concellodebueu.gal, indicando datos da persoa participante, fotografías da decoración, número de teléfono de contacto, enderezo da instalación e categoría na que participa.

Posteriormente será un xurado conformado por entre tres a cinco persoas o que valore as decoracións segundo criterios de orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais.

Está pasando!