Caamaño&Ameixeiras con Rodrigo Cuevas en “Catro cousas” | PlayPlan Cultural

Caamaño&Ameixeiras, gañadoras dun premio de la Academia de la Música grazas a “Catro cousas”, o seu “Pasodobre desubicado” xunto a Rodrigo Cuevas

5 Xuño 2025

Caamaño&Ameixeiras alzáronse na xornada de onte vencedoras dun galardón nos Premios de la Academia de la Música na categoría “Mellor canción en galego / asturiano / bable” grazas a “Catro cousas”, o seu tema xunto a Rodrigo Cuevas.

O tema, definido como un “pasodobre desubicado”, viu a luz o pasado decembro e nel os tres artistas recollen a linguaxe militar e taurina que caracteriza este xénero para apropiarse del, reinterpretándoo e vestíndoo cunha ironía mordaz e á vez elegante.

Da mesma maneira, tamén é unha canción de amor cara a un mesmo, de empoderamento feminino e autocoidado. De, á fin e ao cabo, saber dicir “catro cousas” cando sexa preciso.

Caamaño&Ameixeiras con Rodrigo Cuevas | PlayPlan Cultural

Gravado en vivo e contando mesmo un remix, “Catro Cousas” está acompañado por un precioso videoclip, dirixido por Jorge Rojas e gravado no Parque do Pasatempo de Betanzos, considerado BIC (Ben de interese Cultural), actualmente en proceso de restauración e descrito como “un dos xardíns máis extraordinarios e desconcertantes de Europa”. Precisamente neste lugar actuarán o próximo día 27 deste mes, no Festival do Pasatempo.

Os II Premios de la Academia de la Música outorgáronse nunha gala celebrada en Madrid, contando con 223 nomeados distribuídos en 43 categorías, e neles preténdese recoñecer, estimular e proclamar a excelencia, a solidariedade, o talento, o traballo e o esforzo da comunidade musical do noso país.

O ano pasado, o galardoado na categoría “Mellor canción en galego / asturiano / bable” foi C. Tangana polo seu tema “Oliveira dos Cen Anos”. Nesta edición, Caamaño&Ameixeiras compartían nomeamento con Tanxugueiras, Sabela, Baiuca e Miriam Rodríguez e foron as únicas galegas galardoadas, xunto a Pablo Pulido en “Mellor enxeñería de gravación para álbum ou canción”.

Este galardón é un novo recoñecemento ao labor de exploración que Caamaño&Ameixeiras levan a cabo en torno ao universo ritual popular galego, e que xa iniciaran no seu segundo traballo, “Quitar o aire”. “Ghatiña Mansa”, o seu último sinxelo en colaboración con Tanxugueiras, segue a mesma liña, neste caso recollendo algúns dos numerosos ritos que existen na nosa tradición para casar, para logo deconstruílos, utilizando a súa carga simbólica para evidenciar a presión que existe ao redor da procura de parella como ideal vital nunha sociedade que vira ao redor diso.

Caamaño&Ameixeiras | PlayPlan Cultural

Caamaño&Ameixeiras vén de presentar no 2024 o seu último traballo discográfico, o citado “Quitar o aire”, nunha xira que acumulou máis de 60 concertos e que chegou ata países como Austria, Portugal, Bélxica, Francia ou Países Baixos.

O dúo mantén neste 2025 o seu gran carácter internacional, e tras realizar concertos en Escocia, Francia e Portugal durante os primeiros meses do ano, así como diversas datas nacionais xunto a Girando por Salas (GPS), seguen mantendo a vista posta en novos concertos a nivel europeo, estatal e galego. As próximas paradas para gozar do seu directo son:

20/06
Trece Roeis Fest • Pantón (Lugo)

27/06
Festival do Pasatempo • Betanzos (A Coruña)

28/06
Maraxes da Osa • Burela (Lugo)

06/07
Pazo de Castrelos • Vigo

13/07
Festival SoNna Huesca • Ballobar (Huesca)

26/07
‘Abbaye du Relec • Plounéour-Ménez (Francia)

19-21/09
Festival Berguedà Folk • Gironella (Barcelona)


Está pasando!