© Nelson Quinteiro

‘Cabaré, Cabaré’, catro días de celebración cheos de swing, burlesque, glamour, música, ritmo e performance en Pontevedra

28 Xullo 2021

A programación de verán do Concello de Pontevedra ‘O Son da Rúa’, continúa avanzando a medida que pasan os días. Este xoves, 29 de xullo, a praza da Ferraría volverá encherse de actividade grazas ao ‘Cabaré, Cabaré’, un ciclo lúdico e festivo que tentará levar ás rúas de cidade espectáculo, música e danza.

A praza da Ferraría funcionará de epicentro para o ciclo como tal, porén, diferentes ondas en forma de pasarrúas irán tomando as rúas do casco histórico. Todos os días do ciclo, que se desenvolverá entre o 29 de xullo e o 1 de agosto, un grupo diferente ofrecerá un espectáculo na rúa a partir das 12:00 horas. Serán os seguintes:

– Trad Cabaré Itinerante (29 xullo)

– Unha Cadeira Para Mover o Mundo (30 xullo)

– Cabaredeambulante (31 xullo)

– Valga Jazz & Swing Band (1 de agosto)

Doutra banda, no escenario da Ferraría, os grupos dos que poderá gozar a veciñanza do concello serán os seguintes, sempre ás 22:00 horas:

– Las Antonias Band (29 xullo) – Banda feminina que naceu pola necesidade de devolverlle ás cancións de toda a vida o empoderamento que as mulleres merecen. Redeseñan cancións mesturando diferentes estilos e incluíndo o humor na ecuación.

– Menil Swing Sexteto (30 xullo) – Agrupación que contará coa participación de Lucas Tadeo, Iria Pinheiro, Lili Berlín e Nelson Quinteiro. Un proxecto de enorme interese que viu a luz coa idea de difundir o gipsy-jazz e o jazz-manouche, presentando unha nova forma de facer swing, coa intención directa de facer vibrar o público.

– Un cabaré berlinés atemporal (31 xullo) – Puro espectáculo inspirado nos anos 20 e 30, coa intención de transformar a Ferraría nunha festa doutro tempo.

– Fala-Me. Trad Cabaré (1 de agosto) – Creado coa arela dun cabaré que mesture a danza e a música tradicional ao vivo, arredor da língua, dos xogos de palabras, e do sexo na poesía tradicional coa linguaxe da Compañía Nelson Quinteiro e en consonacia coa linguaxe doutros espectáculos como “Master Class Cabaret” ou “As Nenas Perdidas” pero en clave tradicional popular, con moita estética e altas doses de glamour “feito na casa”.


Está pasando!