Ortiga | © Janite

Cabos Soltos reiníciase cunha xornada técnica e un concerto de Ortiga

12 Maio 2021

A concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra, Anabel Gulías, e a promotora musical na empresa Dotbeat, Patricia Hermida, presentaron esta mañá a programación coa que volve Cabos Soltos a Pontevedra.

Trátase dunha xornada técnica, dirixida especialmente ao sector da cultura ao vivo, que terá lugar os días 19, 20 e 21 no Pazo da Cultura e un concerto piloto na praza da Ferraría o domingo 23 de maio ás 13:00 horas a cargo de Ortiga.

“Este é o principio, Cabos Soltos volve para quedar” asegurou Anabel Gulías, quen engadiu que ao longo do ano se irán implementando máis actividades coa mirada posta en “dar un balón de osíxeno a todo o sector creativo e cultural, entendido tamén como un sector económico que necesita seguir traballando”.

A concelleira lembrou que Cabos Soltos chega vinculado ao Plan Supera co obxecto de promover actividades que permitan reactivar o consumo na cidade xa que “a hostalería ten que enfrontarse agora mesmo a un trance moi difícil e desde o Concello queremos contribuír á recuperación de certa normalidade”.

Neste contexto, cualificou o concerto de Ortiga como “un concerto de proba, nun dos lugares máis emblemáticos desta cidade, como é a praza da Ferrería” e asegurou que desde o Concello se tomarán todas as medidas de seguridade esixidas pola situación sanitaria (delimitación do espazo, colocación de cadeiras con distancias, control de aforo e control do exterior para evitar aglomeracións), ao tempo que afirmou estar segura de que “tanto a xente que acuda ao concerto como a que acuda ás xornadas vai ter comportamentos responsables”.

Sobre as xornadas, explicou que están concibidas como “un foro de debate, un foro de diálogo e un foro para compartir boas prácticas con xente que leva traballando na cultura de base durante moito tempo e que se enfronta a un desafío novo tras a pandemia”.

Para participar nestas xornadas é preciso inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web cabossoltos.pontevedra.gal

Optimización da contorna dixital

Sobre a organización das xornadas, Patricia Hermida explicou que o obxectivo é “pór o foco nunha situación que se normalizou desde a crise sanitaria e que é a contorna dixital, onde se abriron novas oportunidades pero na que tamén temos que ser críticos e intentar decatarnos de cando se xeran oportunidades e cando estamos ante unha perda de valor”.

Neste sentido, ao longo dos tres días intercalaranse relatorios con obradorios, estes últimos especialmente dirixidos a artistas e axentes culturais, de cara a dotalos de ferramentas para optimizar o rendemento no exercicio do seu labor profesional. Así, traballaranse cuestións como a propiedade intelectual na internet, a monetarización da creación cultural en plataformas dixitais, e como optimizar ferramentas dixitais na autoxestión na industria musical.

Estes obradoiros estarán a cargo de Diego Parajó, de Xeneme Innovación Social e do Local de Música de Pontevedra, de Miguel Martorell, director de Altafonte Spain, e de Belén Álvarez, abodada en Gabeiras&Asociados.

Nos relatorios, abordaranse temas como a exposición constante que a contorna dixital demanda dos e das artistas, o papel das institucións nun momento de crise como o actual, o futuro das salas de concertos ou a revisión do modelo dos festivais musicais tal e como se coñecía antes da irrupción da pandemia.

O obxectivo final, segundo indicou Patricipa Hermida é o de “intentar chegar a algunha conclusión” a respecto da necesidade de repensar o modelo e aproveitar novas oportunidades, para isto contarase con relatores e relatoras tanto do ámbito galego como estatal.

Está pasando!