Participantes na Semana Máxica 2024 | Concello de Poio

Campamento Dixital, Semana Máxica e Teatreirxs: o Concello de Poio presenta un verán cheo de propostas para a mocidade

17 Xuño 2025

A estas actividades, hai que engadir o campo de voluntariado “Costa Azul” e o minicampamento “As pegadas da historia” que organiza a Xunta no municipio


O Concello de Poio presenta un completo abano de actividades para que a mocidade poida gozar das súas vacacións de verán con propostas lúdicas, formativas e culturais. Entre as principais iniciativas destacan o Campamento Dixital, a Semana Máxica e o campamento cultural Teatreirxs. A estas propostas súmanse dúas actividades organizadas pola Xunta de Galicia no municipio: o campo de voluntariado “Costa Azul” e o minicampamento “As pegadas da historia”.

O campamento cultural “Teatreirxs” desenvolverase entre o 23 e o 27 de xuño no CC Xaime Illa, en Raxó. Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles para participar nunha iniciativa que quere achegar o mundo do teatro ás nenas e nenos participantes desde unha perspectiva integral, que vai máis aló da interpretación. O teatro é moito máis que actuar: é crear, xogar, improvisar, imaxinar e expresar e, por iso, as crianzas terán a oportunidade de crear a súa propia compañía teatral, asumindo diferentes roles, tanto artísticos como técnicos.

O campamento organizarase en horario de 9:30 a 13:30 horas e inclúe cinco sesións: a primeira incluirá dinámicas de presentación, xogos de expresión corporal e exploración creativa. Tamén se introducirán conceptos básicos sobre a estrutura dunha compañía teatral. Na segunda sesión, traballarase sobre o guión, dividindo funcións en escenografía, vestiario e maquillaxe. A terceira xornada centrarase nos ensaios e na creación do material escénico. O cuarto día realizaranse ensaios xerais, probas de vestiario e maquillaxe, e prepararase o cartaz promocional. E, finalmente, a quinta sesión culminará coa representación aberta ao público da obra que, coincidindo coa conmemoración do Ano Castelao, será “Os vellos non deben de namorarse”.

É unha actividade gratuíta, e para participar, será necesario enviar un correo a [email protected], indicando o nome e apelidos do neno ou nena, idade, persoa responsable e teléfono de contacto.

Outra das propostas será a Semana Máxica, para alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO. Unha iniciativa que inclúe acampada, praia, excursións, actividades e moita diversión durante os tres días que dura cada quenda. O prazo de inscrición abrirase a principios de xullo, e desenvolverase en Samieira entre o 4 e 8 de agosto.

O Campamento Dixital é unha das novidades deste verán, que se organizará en agosto na Aula Cemit de Poio. Impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado con Fondos Next Generation da UE, é un programa de actividades gratuítas en competencias dixitais para rapazada de 9 a 17 anos.

Con contidos e actividades adaptados para cada idade, en cada aventura irán adquirindo novas competencias para utilizar a internet e as ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, seguro e responsable. Organizaranse dous campamentos, o primeiro para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de agosto, e o segundo, para mocidade de 14 a 17 anos, que se impartirá do 25 ao 29 de agosto. En ámbolos dous casos, en horario de mañá e o prazo de inscrición abrirase nas vindeiras semanas.

DÚAS PROPOSTAS MÁIS DA XUNTA COMPLETAN A OFERTA DE VERÁN EN POIO

A maiores destas tres iniciativas, o verán de Poio tamén inclúe outras dúas propostas para a mocidade, impulsadas desde a Xunta de Galicia a través da Acción de Verán 2025. Así, por segundo ano consecutivo organizarase o campus de voluntariado “Costa Azul” a finais de xullo, destinado para mozos e mozas de 18 a 30 anos de todo o país. Este campo medioambiental e mariño xirará en torno á limpeza do litoral mariño por terra e mar polo interior da ría de Pontevedra (Lourido, Combarro, Illa de Tambo, Chancelas…).

Ademais, como novidade, este ano tamén se inclúe en Poio o minicampamento “As pegadas da historia”, entre o 14 e o 18 de xullo, destinado para rapazada de 9 a 18 anos. Inclúe actividades náuticas (surf, kayak, surf skate), salvamento acuático deportivo, xogos de praia e na Reiboa, orientación, xogos de coñecemento e de historia (Mosteiro de Poio, Museo de Colón e Bosque de Colón) e veladas nocturnas, entre outras.

Está pasando!