Cangas inaugura a XVIII Semana de Cine ‘Cinemas Ocultos’ co filme ‘Sica’ de Carla Subirana

29 Setembro 2023

  • Unha selección de películas críticas e innovadoras promete revolucionar a visión sobre a era dixital
  • Películas e curtametraxes galegas serán os protagonistas, mostrando a riqueza e diversidade da nosa cinematografía
  • Antonio Rial Boubeta, experto en Psicoloxía Social, liderará un faladoiro esencial para pais, docentes e adolescentes

A alfombra vermella volveu á vila de Cangas para a inauguración da XVIII Semana de Cine ‘Cinemas Ocultos’, que tivo lugar este venres no Auditorio Xosé Manuel Pazos. Nesta nova edición, o evento convértese nunha xanela aberta aos universos dixitais, con especial atención ao impacto das redes sociais, fake news, videoxogos e a cultura dixital en xeral.

O auditorio practicamente completo confirma o compromiso da cidadanía coa Semana de Cine de Cangas, que acada a maioría de idade con esta edición.

O filme ‘SICA’, dirixido e escrito por Carla Subirana, foi o encargado de abrir o pano. E tras esta obra ambientada na Costa da Morte, a actriz e coaching de interpretación, Victoria Teijeiro, compartiu a súa experiencia e perspectiva sobre a obra co auditorio. Teijeiro comezou a súa intervención agradecendo ao equipo que organiza a Semana de Cine de Cangas o seu traballo, salientando que “este tipo de mostras son estupendas para poder darlle visibilidade ao cinema galego, creando máis fidelidade co público que xa temos e achegándonos a novas persoas”.

Sobre a súa participación en ‘SICA’ destacou que a figura do coaching de interpretación é bastante descoñecida. No caso do filme dirixido por Carla Subirana supuxo un reto “difícil e bonito” no que “o meu traballo consistía en ensinar o que é o mundo do cine aos rapaces, non abafalos -porque as rodaxes poden ser complicadas-, así que o enfocamos como un xogo, que gozasen e, a través do xogo, chegar ao emocional e acadar así resultados” , explicou Teijeiro.



Nas seguintes xornadas da Semana de Cine, o público poderá gozar dunha selección de películas curtametraxes galegas e así como de funcións de animación dirixidas ás familias, reflexo do compromiso da organización coa promoción da riqueza e diversidade do cine galego e o fomento da cultura cinematográfica entre os máis novos.

Un programa diverso e familiar

O sábado 30 de setembro proxectaranse as francesas ‘O PEQUENO NICOLÁS’ (2022) e ‘ARTHUR RAMBO’ (2021), candidata á Cuncha de Ouro a mellor película no Festival de San Sebastián; e o domingo, 1 de outubro, unha selección de curtametraxes de animación para rapaces e rapazas a partir de 5 anos e a película brasileira ‘DESCONECTADOS’ (2018), Premio Cine en Construción no Festival de San Sebastián 2017 e candidata a premio do xurado no Festival de Sundance 2018.

Pero non só será cine. O luns, 2 de outubro, a programación complétase cun faladoiro sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia. Este espazo de debate estará liderado por Antonio Rial Boubeta, recoñecido doutor en Psicoloxía Social e experto en temas relacionados coa adolescencia na era dixital. Este encontro completarase coa proxección da curtametraxe ‘ARENAL’ (2019) de Rafa Alberola, premio á mellor curtametraxe no Festival de Málaga no 2020.

Está pasando!