Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez presentan o programa das Festas de Verán 2025 | Concello de Pontevedra

«Cantas actividades caben nun verán? En Pontevedra máis de 300!»

1 Xullo 2025

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este martes o programa completo das Festas do Verán, un conxunto variadísimo de propostas culturais e de ocio que inclúe música, cinema, teatro, animación de rúa, artesanía…
  • As Festas da Peregrina contarán coas actuacións de Rosario, The Rapants, Lendakaris Muertos, De Ninghures, Khea, Los Niños de Jesús (a banda de Jordi Évole), Marina Reche, G5 (o grupo formado por Kiko Veneno, Muchachito, Tomasito, El Canijo de Jeréz e Diego Ratón); Ortiga ou Paloma San Basilio entre outros

Cantas actividades caben nun verán? 100? 150? 200?… En Pontevedra haberá máis de 300 opcións entre as escoller para gozar dun verán que lembrará a eses veráns infinitos da infancia, onde en cada recuncho, en cada xornada, veciñanza e visitantes atoparán unha nova sorpresa.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, presentou este martes, 1 de xullo, toda a programación prevista para os vindeiros tres meses na cidade de Pontevedra, ademais das súas parroquias. Trátase dun programa que ten coma obxectivo sorprender e emocionar, que oferta un abanico de propostas inxente, variadas e eclécticas.

Coma é habitual, todas elas serán de balde, agás a programación complementaria en forma de festivais e concertos internacionais, coma o Río Verbena, o BigSound e o show de Jennifer López.

O Concello de Pontevedra distribuirá un total de 15.000 programas físicos, que inclúen uns pasatempos nas súas páxinas finais, «para facer na praia ou na piscina; aínda que vai estar difícil ter tempo libre tendo en conta o volume de actividades», indicou Lores.

Estes programas poden ser recollidos na caseta de Turismo municipal, na oficina de Turismo da Xunta de Galicia, no Palacete das Mendoza, ou na zona de agarda do Rexistro Xeral, en Michelena 30.

O programa completo do verán inclúe os seguintes ciclos:

  • Festa dos Libros
  • Senda Fest
  • Músida de Bandas
  • Jennifer López
  • BigSound
  • Cinema e Estrelas
  • Romaría de San Bieito
  • XXVI Memorial Ricardo Portela
  • Titirivedra (para adultos tamén, novidade)
  • Itineranta
  • Festas de Santiaguiño do Burgo
  • Aires da Alameda (novidade)
  • Xornadas musicais de San Roque
  • Animatrón
  • Con Voz de Muller
  • Festixeve
  • XXXI Festival Internacional de Jazz e Blues
  • Urbana Monte Porreiro
  • Aquí Cántase
  • Festas da Peregrina
  • Aquí Báilase (novidade)
  • Río Verbena
  • Festa do Demo
  • Feira Franca (As Meigas)…

As Festas da Peregrina contarán coas actuacións de Rosario, The Rapants, Lendakaris Muertos, De Ninghures, Khea, Los Niños de Jesús (a banda de Jordi Évole), Marina Reche, G5 (o grupo formado por Kiko Veneno, Muchachito, Tomasito, El Canijo de Jeréz y Diego Ratón); Ortiga ou Paloma San Basilio entre outros.

Por suposto, tamén están presentes actividades concretas e tradicionais como a Batalla de Flores, a Xuntanza Premios Amigos de Pontevedra, a lectura do pregón ou a apertura da feira de artesanía A Chalana e da Feira do Mel; ademais de todas as actividades deportivas xa programadas, ou de todas as propostas para crianzas incluídas en Ponte Verán.

A Festa do Demo e a Feira Franca, porán o peche ao verán pontevedrés por todo o alto. O programa pode ser consultado e descargado na web oficial do Concello de Pontevedra.

Está pasando!