Carlos Núñez, De Vacas e Xabier Díaz encherán de música a Boa Vila durante a celebración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

12 Setembro 2023

  • Montero Ríos será o espazo reservado para a instalación dunha carpa especial que acollerá unha feira cos principais patrocinadores e outros stands de venda deportiva e especializada
  • O espectáculo ‘Atempo’ de Pablo Méndez Performance será o punto álxido da cerimonia inaugural que atravesará a rúa Michelena até a Praza do Concello o xoves 21 de setembro

A celebración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon contará non só cun programa deportivo de altísimo nivel ao longo das probas dos grupos de idade, sub-23 e elite; senón que tamén amosará un programa paralelo de ocio e cultura do que gozarán visitantes e veciñanza.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, revelou esta mañá de martes, 12 de setembro, as actividades que se irán desenvolvendo na cidade durante a celebración das distintas probas deportivas que transformarán Pontevedra na capital mundial do tríatlon.

Así, será instalado un gran escenario na zona da Praza do Concello, diante do monumento aos heroes de Ponte Sampaio, ao igual que estivo no Multisport do 2019. Neste espazo serán desenvolvidas diversas actividades festivas, ademais da entrega de medallas dos grupos de idade.

Será neste mesmo escenario onde se realice a inauguración principal do evento, o xoves 21 de setembro, ás 19.30 horas coa actuación de Pablo Méndez Performance e o seu espectáculo Atempo; para logo continuar co grupo Celme. Previamente, ás 19 horas, comezará o desfile inaugural onde Os de Algures acompañarán as comitivas dos países participantes desde a praza da Ferraría até a praza do Concello.

Ademais, o venres actuará Javier Díaz e as Adufeiras do Salitre xunto con outras agrupacións folclóricas da cidade; o sábado Pontevedra poderá ver ao vivo a De Vacas e, finalmente, o domingo, poderá gozar coa música de Carlos Núñez, lendario gaiteiro galego.

Doutra banda, cómpre sinalar que en Montero Ríos será instalada unha carpa de grandes
dimensións que acollerá unha feira
onde estarán representados os diversos patrocinadores, puntos
de información e puntos de venda para marcas deportivas e especializadas en tríatlon.

Están previstas tamén unha serie de visitas guiadas en inglés pola cidade, alén das habituais en castelán, os días 19, 20, 21, 22, 23 e 25 de setembro. Precisará de inscrición previa, en horario de 10.00 horas e 16.30 horas —agás os días 23 e 25 que só se realizará a sesión de mañá—. Terán un prezo de 7 euros (5 con tarifa reducida).

A cea oficial do evento realizarase o mércores, 20 de setembro, a través do comité organizador, para todas as autoridades e federacións internacionais. Será no Liceo Casino do casco histórico, e está prevista unha participación de 300 persoas. Nesta cea oficial tamén se introducirá ao triatleta Iván Raña no Hall of Fame da World Triathlon.

Tal e como indicou o alcalde, este mesmo domingo xa partirá desde a igrexa da Peregrina o primeiro roteiro polo Camiño de Santiago desde Pontevedra, actividade que terá continuidade o luns e o martes. «Vai participar a executiva da World Triathlon», explicou o rexedor.

Lores definiu esta programación como «unha programación variada e distinta ao que puidemos ver noutros eventos desta clase polo mundo», que propiciará a participación cidadá e que lle dá «un colorido especial e fai que Pontevedra sexa un referente na organización destas citas deportivas».


Está pasando!