Casa Verdún gaña o primeiro premio do Concurso de Escaparates de Nadal impulsado pola Concellaría de Promoción Económica de Pontevedra

9 Xaneiro 2022

O restaurante Casa Verdún fíxose co primeiro premio do Concurso de Escaparates de Nadal impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra e a plataforma #PonteLovers, obtendo un galardón económico de 1.500 euros (que será doado en parte aos colectivos Os Palleiros e Difusión Felina).

O segundo premio recaeu na decoración realizada pola tenda de artes decorativas índigo, que doará integramente os 1.000 euros que recibirá tamén a Os Palleiros e Difusión Felina (ao 50%), e o terceiro, de 500 euros, no da boutique Delirious.

Estes establecementos foron elixidos cos seus votos pola cidadanía de entre os dez finalistas previamente seleccionados entre os 76 negocios participantes por un xurado conformado por:

– Un grupo de 22 alumnos e alumnas do módulo de Escaparatismo do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e outro de catro estudantes do Ciclo Superior de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luis Seoane de Monte Porreiro, capitaneados pola profesora titora Iria Morgade.

– Carmen Hermo, artista e docente da Universidade de Vigo

– O escritor e presentador Manel Loureiro

– A escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias Calvete

– Luz Gómez Señoráns, técnica de Distrito Forestal

Entre os finalistas tamén se atopaban Delicious Bakery, Novo Rumbo, Millán + Martínez Oftalmoloxía, Sunset, Granero Delmas Coworking, Aromara e Conchi Giraut. Os votos do público, emitidos a través da web do Concello de Pontevedra e da ligazón https://pr.easypromosapp.com/p/929921, sumaron 10, 6 e 3 puntos aos do xurado.

O xurado valorou cunha puntuación do 0 a 10 cada un dos seguintes aspectos:

1. A integración dos produtos á venda
2. A composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal
3. A harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e o emprego prioritario de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais
4. A interacción co público
5. A invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final

Os nomes dos 10 premiados cos vales de 50 euros

Tal e como indica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, o Concurso de Escaparates de Nadal “tamén incluíu o sorteo de dez vales por valor de 50 euros entre as persoas que participaron nas votacións”. “Os nomes dos agraciados, así como os dos establecementos polos que votaron, poderán consultarse na páxina de easypromos. Son Brais Ledo Mallo (voto Casa Verdún), Ángel Martínez Pérez (Casa Verdún), Irena Pontevedra Maroño (Milán + Martínez), Ángeles Martínez Martínez (Aromara), María Jalca (Aromara), Juan Iglesias (Casa Verdún), Sandra Sartier (Delirious), Adriana Rodríguez (Sunset), Iria R (índigo) e Susana Yelamos Fontana (Aromara)”, precisou a edil socialista.

Está pasando!