Participantes na I Residencia FICBUEU na Illa de Ons en outubro de 2023 | © FICBUEU

Catro realizadoras e realizadoras de Arxentina, Cataluña e Galicia desenvolverán os seus novos proxectos de curtametraxes na II Residencia FICBUEU en Ons

28 Agosto 2024

Entre o 16 e o 23 de outubro, e durante unha estadía na Illa, recibirán formación e apoio dun equipo de persoas expertas lideradas pola guionista de «20.000 especies de abellas», Estíbaliz Urresola


Teñen entre 25 e 28 anos, están a construír o seu proxecto profesional arredor da creación de historias en soporte audiovisual e cinema, e presentaron interesantes proxectos de guión que foron elixidos para participar na Residencia FICBUEU na Illa de Ons, o proxecto do Festival Internacional de Cinema de Bueu para apoiar o desenvolvemento de curtametraxes. Compartirán as actividades de formación e asesoría, algunhas de carácter individual e outras de xeito grupal, a Residencia FICBUEU, na Illa de Ons, entre o 16 e o 23 de outubro. Unha das curtas, ademais, recibirá apoio para a súa produción.

As participantes seleccionadas este ano son Camila Mailén Bóveda Figueira, nada en Arxentina en 1996; Ana Calderón (Caldes de Malavella, Girona, 1998); Anna Llargués (Barberà del Vallès, Barcelona, 1999), e o lucense Miguel Casaseca (1997). As tres primeiras presentaron á convocatoria guións de curtametraxes do xénero dramático tituladas, respectivamente Área Central, Cotorra e Àvia Peix. Casaseca propón a falsa documental From NASA to Merceditas.


Estíbaliz Urresola | © FICBUEU

Equipo de formadoras

O equipo formativo estará encabezado pola directora e guionista Estibaliz Urresola coma titora. A súa ópera prima, 20.000 especies de abellas, proxectada durante a pasada edición do FICBUEU, foi galardoada nos Premios Goya deste ano cos premios a Mellor Dirección Novel e Mellor Guión Orixinal. Durante unha semana, a directora alavesa levará a cabo sesións individuais con cada unha das autoras e autores para a revisión das obras e o seu avance.

Ademais das titorías individuais e espazos de de intercambio grupal con Urresola, as e os residentes terán acceso a tres formacións específicas en distintas materias para fortalecer os seus proxectos: Guión con perspectiva de xénero, impartida por Carmen Ávalos; A importancia da coordinación de intimidade nunha rodaxe da man, da man de Tábata Cerezo e Lucía Delgado, creadoras da empresa especializada IntimAct; e Primeiros pasos tras a finalización dun guión, impartida por Beli Martínez.

Produción dunha das curtas

Rematado o programa, a organización seleccionará novamente un dos guións participantes para o seu desenvolvemento e produción. Na I edición da Residencia, a do ano pasado, a película elixida para a súa producion foi Sismes, de Jordi Sanz Angrill e co-guionizado xunto a David Junyent.

Sismes conta a historia de Mila, que meses despois da misteriosa partida do seu ex marido, regresa á illa volcánica onde fixeran a súa lúa de mel – que ela gravou cunha cámara de video-. Está obsesionada con gravarse a ela mesma para recrear os supostos contraplanos das imaxes da viaxe nas que só parece o seu ex marido. A protagonista busca así non só revivir o seu pasado, senón unir e manipular estas imaxes de tempos distintos para crear un novo relato, un novo recordo.


Está pasando!