Chegan as ‘Historias Cavadas’, unha maneira de achegarnos á nosa historia a través das visitas escenificadas aos tres castros xa musealizados pola Deputación de Pontevedra

25 Agosto 2021

‘Historias cavadas’ é un programa de visitas escenificadas promovidas pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor os castros da provincia, sempre da man da sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión.

Tras a recente musealización dalgúns dos castros da provincia, coma A Subidá (Marín), Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía de Arousa), grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Fomento e dos propios concellos, estas visitas realizadas por Troula Animación supoñen un compromiso coa súa dinamización in situ, unha aposta pola divulgación e actualización do noso legado e polo fomento de experiencias culturais seguras nun momento crítico.

protección, a conservación e a difusión do noso patrimonio son responsabilidades das administracións públicas; neste caso a Deputación de Pontevedra vela por manter o legado do noso pasado para que poida transmitírselles ás xeracións do futuro. O obxectivo das actividades nestes enclaves patrimoniais é interpretar a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico destes xacementos arqueolóxicos e que chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuñas do pasado e o indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara ao futuro.

As visitas aos distintos castros serán guiadas por Troula, unha compañía profesional especializada en teatro, escenificación e animación, cunha ampla traxectoria de máis de 20 anos na produción de espectáculos de rúa. Moi presentes cos seus proxectos en Galicia e en boa parte da xeografía nacional, ademais de no estranxeiro (Francia, Portugal, Inglaterra, Escocia e Irlanda, especialmente), Troula é a compañía organizadora do festival de espectáculos itinerantes de Pontevedra iTiNERANTA e produtora de coñecidos proxectos coma Uxía Lambona e a Banda Molona, Errantes, Pachamama, O estraño caso do dentista da rúa Brasov, etc. Actualmente tamén se encargan das visitas teatralizadas no castelo de Soutomaior.


DATAS E HORARIOS

  • Castro de Toiriz, Silleda: 2 e 3 setembro de 2021, ás 20:00 h.
  • Castro de Alobre, Vilagarcía de Arousa: 16 e 30 de setembro de 2021, ás 20:00 h.
  • Castro de A Subidá, Marín: 17 e 24 de setembro de 2021 ás 19:00 h.

  • Prazas limitas: 25 por visita. Necesaria reserva en historiascavadas2021@gmail.com
  • Só se poderá reservar para unha visita, dado que as prazas son moi limitadas
  • Indicarase o nome do castro e a data da visita, o nome completo das persoas participantes (4 prazas como máximo por reserva) e un teléfono de contacto.
  • A reserva de praza só será efectiva unha vez confirmada a inscrición pola compañía de teatro.
  • As visitas serán accesibles e inclusivas, contando con intérprete de lingua de signos baixo demanda.

Está pasando!