Cineastas participantes na II Residencia FICBUEU na Illa de Ons | © FICBUEU

Cinco cineastas desenvolven desde hoxe catro proxectos de películas na II Residencia FICBUEU na Illa de Ons

16 Outubro 2024

A directora e guionista de ‘20.000 especies de abejas’, Estíbaliz Urresola, titorizará o proceso, no que outras 3 formadoras participarán tamén na mellora dos proxectos fílmicos


Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta ‘20.000 especies de abejas’, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, catro realizadoras e un realizador, presentaron 4 proxectos de curtametraxes ao proceso de selección para participar na II Residencia FICBUEU, que organiza o Festival Internacional de Cinema de Bueu.

A Residencia FICBUEU é un programa formativo dedicado ao tratamento integral de curtametraxes na súa etapa de desenvolvemento. As e os realizadores recibirán diferentes formacións tanto individuais coma grupais. Serviralles para adquirir competencias en diferentes aspectos da realización, a produción e a distribución de películas que lles axudarán a desenvolver os proxectos de curtas polos que foron elixidas para participar durante 6 días na II Residencia FICBUEU. Ademais, cada proxecto recibirá 2.000 euros como apoio ao seu financiamento. E unha das curtas, a que se faga co Premio RC Service, obterá un desconto de 1.500 euros en compra e alugueiro de material para a rodaxe da película.

Diversidade de proxectos

Na Illa de Ons, mellorarán as súas competencias e traballarán conxuntamente no desenvolvemento dos seus filmes as realizadoras catalás Anna Calderón Dilmé e Anna Llargués, que participan con ‘Cotorra’ e ‘Àvia Peix’, respectivamente; a galego-arxentina Camila Mailén, que traballa no desenvolvemento da curta ‘Área Central’; e Clara Coira e Miguel Casaseca, lucenses que presentaron a súa candidatura á II Residencia FICBUEU co proxecto fílmico ‘From NASA to Merceditas’.

Entre os proxectos participantes hai un falso documental e tres dramas. Do falso documental, ‘From Nasa to Merceditas’, aseguran os seus responsables, Coira e Casaseca, que recrea unha situación “tan absurda como real”: trátase da historia de Merceditas, unha veciña da Terra Chá lucense que recibiu unha carta da NASA convidándoa á súa sede tras ser a única persoa do mundo que viu no ceo un determinado cometa.

Con ‘Cotorra’, Anna Calderón volve sobre unha vivencia da súa nenez: a do momento no que ten que afrontar o pasamento da súa amiga Alicia. Calderón quere construír unha curta que fale “da morte na infancia, do dó entre nenas, e do medo ao esquecemento”.

Sobre ‘Àvia Peix’ asegura a súa directora, Anna Llargués: «É unha historia persoal, que me conmove, e desexo que sexa contada». Na trama, tamén moi relacionada coa propia historia de vida de Llargués, a nena protagonista vive as horas da morte da súa avoa sen entender ben que acontece pero gravando o que acontece ao seu redor, cunha cámara de vídeo que lle deu o seu tío, unha sorte de documental desas horas de despedidas, trámites e tensións familiares.

Camila Mailén, directora de ‘Área Central’, explica que o seu proxecto de curta é un coming of age con tinguiduras dramáticas que pretende reflectir outro tipo de infancia, a dunha nena que pasa boa parte dos seus días no negocio familiar que a súa nai rexenta dentro dun coñecido centro comercial de Santiago de Compostela. A historia tamén parte da súa propia experiencia vital.

Equipo de formadoras

Durante a Residencia na Illa de Ons, as participantes terán titorías individuais e espazos grupais de intercambio con Estíbaliz Urresola. Ademais, accederán a tres formacións específicas en distintas materias para fortalecer os seus proxectos: Guión con perspectiva de xénero, impartida por Carmen Ávalos; ‘A importancia da coordinación da intimidada nunha rodaxe’, a cargo de Tábata Cerezo e Lucía Delgado, creadoras da empresa especializada IntimAct; e ‘Primeiros pasos tras a finalización dun guión’, impartida por Beli Martínez.

A Residencia FICBUEU conta co apoio de Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Tamén colaboran as empresas Nabia e Simei.

Está pasando!